Os populares de Lugo e Ourense piden no Congreso un plan de choque ante o estado da N-120

RibeiraSacraXa | OurenseXa
Exixen unha intervención “integral e inmediata” nesta estrada e advirten do empeoramento da situación tras os numerosos temporais das últimas semanas
senadores-pp-lugo-ourense-n-120-congreso
27 Feb 2026

Os deputados do Partido Popular de Lugo e Ourense presentaron no Congreso unha iniciativa parlamentaria para esixir ao Goberno de España unha intervención “integral e inmediata” na estrada N-120. A petición, explican, xorde ante o “nefasto estado de conservación” da vía, que se agravou polos numerosos temporais sufridos en ambas provincias.

Os parlamentarios lucenses Francisco Conde, Jaime de Olano e Cristina Abades, e os ourensáns Celso Delgado, Ana Belén Vázquez e Rosa Quintana, denuncian que esta estrada, esencial para a comunicación entre Lugo e Ourense, atópase “nun estado de abandono que pon en risco a seguridade viaria dos usuarios”. Sinalan que a N-120 carece de alternativas de alta capacidade no tramo que vai desde a cidade de Ourense ata o límite coa provincia de León, atravesando comarcas clave como Quiroga ou Monforte de Lemos.

Ademais, critican a falta de avances na autovía A-76 e subliñan que a carencia dunha autovía de altas prestacións entre ambas provincias obriga a miles de condutores a transitar diariamente por un firme cheo de fochancas. “A situación empeorou de xeito substancial nos dous primeiros meses de 2026 debido aos constantes temporais, que remataron por desfacer o asfalto, xa moi deteriorado”, salientan os deputados.

A iniciativa recolle testemuños de usuarios e crónicas de medios que describen a circulación pola N-120 como unha “montaña rusa” de saltos e vibracións, especialmente en puntos críticos como o tramo entre a entrada de Quiroga e Abrence. Os populares destacan que os baches, en moitos casos sen sinalizar e de gran profundidade, provocan un “regueiro de incidencias” e avarías diarias. “Hai condutores que sofren rebentóns de rodas e roturas de amortecedores nada máis saír do taller; os talleres da zona incluso están a quedar sen existencias de pneumáticos pola alta demanda de reparacións”, sinalan.

Ante esta situación, desde o PP solicitan un Plan Integral de Rehabilitación con partidas orzamentarias plurianuais para reparar firme, muros, taludes e obras de paso, o mantemento preventivo con conservación estrutural e profesional que evite os “parches” e que o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible asuma a responsabilidade patrimonial polos danos a vehículos causados polo pésimo estado da estrada.

“Os lucenses e ourensáns non poden seguir xogando a vida e o peto cada vez que collen o coche para ir traballar ou acudir ao médico. É hora de que o Ministerio asuma a súa responsabilidade”, conclúen os deputados.

Pola súa parte, os deputados do PP de Lugo confirmaron a súa asistencia á concentración cidadá que terá lugar mañá, sábado 28 de febreiro, ás 11:00 horas en Canabal, para “apoiar as reivindicacións de toda a cidadanía xa que todos merecemos unhas comunicacións seguras, ao contrario do que sucede agora, xa que é un verdadeiro perigo circular por esta estrada nacional”.

0.11980104446411