Os praceiros piden a Jácome que escoite e advirten de que “o desacordo ten un percorrido moito máis longo”

OurenseXa
Aseguran que se o alcalde continúa adiante coa súa ameaza de obrigalos a desaloxar a Alameda coas novas instalacións aínda sen rematar “farán valer os seus Dereitos”, e instan ao Goberno municipal a retomar o diálogo para chegar a un acordo
praza-de-abastos-ourense
Praza de Abastos de Ourense
13 Apr 2025

Os comerciantes da Praza de Abastos manifestaron o seu malestar tras o anuncio do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, de iniciar de forma inminente o seu traslado ás novas instalacións que, segundo denuncian, aínda non están rematadas.

Os praceiros e praceiras móstranse preocupados ante esta situación e denuncian que o alcalde pretende trasladalos a un edificio que continúa “sen electrificación, sen saída de fumes, sen enchufes, sen desaugadoiros, sen zona de carga e descarga, sen accesibilidade, sen montacargas e, en definitiva, con numerosas carencias que fan inviable o desenvolvemento da nosa actividade”.

Aseguran que, ao contrario do que afirma o alcalde, non venden máis nas instalacións provisionais da Alameda, e que o seu verdadeiro desexo é regresar á Praza de Abastos. “Non estamos na Alameda por gusto”, explican. “Queremos volver á nosa casa. Somos de aquí e, coma todos, queremos gozar tamén da Alameda. Só pedimos que se rematen as obras para poder regresar canto antes”.

Ademais, insisten: “Queremos deixar claro que pagamos puntualmente as nosas cotas ao Concello, coma calquera outro comerciante”. Tamén acusan ao Concello de difundir rumores “absurdos”, que atribúen a un “interese difamatorio sen precedentes por parte de servidores públicos”, en referencia a un comunicado recente do propio Concello.

Por outra banda, lembran que “os anos de obras tampouco serviron para rehabilitar o Rianxo, que foi eliminado do plan coma se nunca existise. En troques, si houbo tempo para destruír os lavadoiros públicos orixinais da planta baixa, aos que durante décadas acudiron milleiros de ourensáns para lavar a roupa coa auga das Burgas. Unha perda irrecuperable do noso patrimonio e unha ferida na nosa memoria colectiva”.

Tras a perda por parte do goberno municipal da subvención destinada á reforma da Praza, os praceiros lembran que foron eles mesmos quen acudiron á Xunta para solicitar un investimento que permitise finalizar as obras. Aseguran tamén ter conseguido financiamento privado “para axudar ao Concello”, que agora, denuncian, carga contra os propios comerciantes. “Parece, non obstante, que ao goberno municipal non lle interesou o máis mínimo, xa que todo foi rexeitado”, insisten, e lembran que eses investimentos “son para Ourense, non para nós”.

Móstranse sorprendidos de que “en pleno século XXI se acometese unha obra que, probablemente, non superaría nin unha inspección sanitaria nin unha de habitabilidade. Cando se proxectou a Praza, no século XX, o obxectivo era claro: paliar unha situación insostible dende o punto de vista sanitario. Foi un soño para unha pequena cidade como a nosa: construír un espazo emblemático para un oficio ancestral”. Un soño que, lamentan, se acabou por converter “nun pesadelo sen fin”.

Por iso, advirten: se a ameaza de Jácome se fai efectiva, farán valer os seus dereitos. “O traslado á Alameda non foi gratuíto”, lembran. “Queremos que a cidadanía sexa consciente de que moitos e moitas tivemos que asumir créditos para solucionar as graves deficiencias das instalacións provisionais. Créditos que aínda estamos a pagar. Esta cuestión non é menor, porque preténdese meternos de novo nun edificio sen rematar, asumindo os custos dunha obra nun inmoble que non nos pertence”.

Abertos ao diálogo

A pesar de todo, os praceiros e praceiras móstranse abertos ao diálogo co obxectivo de chegar a un acordo beneficioso para todas as partes. “O desacordo ten un percorrido moito máis longo. Porá os nosos negocios ao límite da estabilidade económica e afectará a máis de 250 familias. Ourense perderá aos últimos praceiros da cidade e a Praza acabará sendo algo ao gusto de Jácome. Quizais un supermercado, unha discoteca, un hotel... ou quizais siga o mesmo camiño doutros símbolos da cidade como a Cárcere Vella, o Museo Municipal ou o Museo Arqueolóxico”, sinalan.

Lembran que, sen acordo, a cidade podería perder un dos seus espazos máis emblemáticos, e insisten en que a vía xudicial, se o alcalde persiste en non escoitar as súas demandas, será longa e con consecuencias negativas: “Só haberá perdedores, e quen máis perderá será a nosa cidade”.

Nun escenario de acordo, afirman, “debuxamos un futuro cunha Praza moderna, accesible e co máximo respecto ao valor patrimonial do inmoble e da súa contorna. Nese futuro, Ourense sae gañando. Recuperaremos antes a Alameda, dinamizaremos o comercio, aproveitaremos o potencial da zona monumental e do turismo que nos trouxo o AVE. En definitiva, traballaremos para acadar a cidade que soñaron os nosos maiores e merecen os nosos fillos”.

Pola contra, critican que a actitude do alcalde afectará a máis de 250 familias e provocará a perda de negocios locais, cunha redución evidente da economía nunha cidade onde a perda de poboación é xa un problema estrutural. “No mellor dos casos, chegaremos afogados economicamente ao final da batalla xudicial e lograremos indemnizacións. Ourense será quen pague o desacordo. No peor, se o Concello gaña, 250 familias veranse en serios problemas económicos, probablemente abocadas ao peche”.

A situación, conclúen, “pode mellorar desde hoxe ou empeorar desde mañá. A nosa man está tendida ao acordo, ao diálogo, á solución”.

⚙ Configurar cookies
0.16481709480286