Os Premios Rebulir xa teñen gañadores para a súa décimo cuarta edición

OurenseXa
Malvela, Cristina Castaño, o programa Luar e a emigración galega en Euskadi son os galardoados deste ano
rebulir
Rebulir
30 Sep 2025

O xurado dos XIV Premios Rebulir fixo público o seu fallo, recoñecendo figuras e proxectos da música, das artes escénicas, da comunicación e da diáspora galega. A entrega celebrarase o sábado 20 de decembro, ás 19:00 horas, no Complexo Rogelio García Yáñez de O Picouto, no marco do Festival Internacional Rebulir.

Na categoría de música galega, o premio recae no grupo Malvela, pola súa traxectoria na difusión da tradición oral e o seu papel como referente feminino e rural. En artes escénicas, a actriz Cristina Castaño será distinguida pola súa carreira en teatro, cine e televisión, converténdose nunha das intérpretes galegas máis recoñecidas a nivel nacional.

O programa Luar da Televisión de Galicia recibirá a homenaxe desta edición, en recoñecemento ao seu papel durante máis de tres décadas como escaparate artístico e punto de encontro interxeracional. Ademais, por primeira vez entregarase o Premio “Rogelio García Yáñez”, que nesta ocasión distingue á emigración galega en Euskadi polos seus esforzos en manter viva a identidade e a cultura do país desde a diáspora.

O certame deste ano acadou un récord de participación, con preto de 300 propostas recibidas. O xurado estivo formado por doce membros de diferentes ámbitos culturais e institucionais, garantindo unha visión plural.

A Presidencia de Honra dos premios corresponde ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel A. Santalices Vieira, mentres que a Vicepresidencia é exercida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos.

Con esta edición, os Premios Rebulir consolidan a súa posición como unha cita de referencia no calendario cultural galego, poñendo en valor proxectos e figuras que contribúen á preservación e proxección da identidade galega dentro e fóra das súas fronteiras.

⚙ Configurar cookies
0.088948011398315