Os profesionais de Atención Primaria da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras impulsan actividades de saúde comunitaria para este 2026

OurenseXa
Máis de 180 profesionais de diferentes áreas da Atención Primaria participarán en distintas accións que se desenvolverán ao longo de toda a provincia
actividade-saude-comunitaria-centros-educativos-ourense
12 Jan 2026

A Subdirección de Enfermaría de Atención Primaria da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras organizou un programa de intervencións comunitarias que comezarán este mesmo luns, 12 de xaneiro, co obxectivo de achegar a educación sanitaria á poboación fóra dos centros de saúde, facilitando o acceso a información práctica e útil.

Máis de 180 profesionais de distintas áreas da Atención Primaria participarán nesta proposta, entre eles enfermeiros, especialistas en atención familiar, comunitaria e pediátrica, nutricionistas, matronas, hixienistas, odontólogos, médicos, residentes, traballadores sociais, fisioterapeutas, farmacéuticos e psicólogos. A coordinación correrá a cargo dos referentes de saúde comunitaria.

As actividades programadas inclúen obradoiros e charlas dirixidas tanto a estudantes de colexios e institutos como a persoas adultas, maiores e coidadoras. Os temas que se tratarán son variados, desde hábitos alimentarios saudables e educación afectivo-sexual, ata hixiene bucodental, prevención de úlceras e caídas, primeiros auxilios e o manexo do atragantamento en persoas dependentes.

As accións teñen como fin fomentar a corresponsabilidade no coidado persoal entre a cidadanía, e cobran especial relevancia debido ao aumento da demanda da poboación por este tipo de programas, o que levou a reforzar a participación dos profesionais e o liderado dos coordinadores de saúde comunitaria.

Entre as actividades previstas para a semana destacan obradoiros de nutrición en centros educativos como o CEIP Padre Feijoo en Allariz e o IES Ferro Couselo, sesións de educación afectivo-sexual en colexios de Ribadavia, obradoiros de hixiene bucodental en centros como Salesianos ou o Colexio Carballeda de Avia, así como formacións dirixidas a persoas coidadoras sobre prevención de úlceras, caídas e atención urxente ao atragantamento.

Esta iniciativa enmárcase na Estratexia Galega de Saúde Comunitaria en Atención Primaria 2023-2027, que busca evolucionar cara a un modelo sanitario máis centrado nas persoas e no seu contexto social, e menos enfocado unicamente no tratamento das enfermidades.

⚙ Configurar cookies
0.081636905670166