Os senadores do PP por Lugo queren que “o Goberno diga claramente se Lugo vai ter alta velocidade"
Os senadores do PP lucense, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, cren que “as palabras do Ministro de Transportes e Mobilidade Sostible no Senado constatan que Lugo vai quedar sen alta velocidade”.
Primeiro porque “Puente non deu ningún tipo de data nin de previsión orzamentaria para a construción das variantes ferroviarias de Rubián e Os Peares-Canabal na liña entre Lugo e Ourense”, e despois porque “explicou que a previsión para o remate das actuais obras de modernización da vía é finais do 2026”.
“Tendo en conta esta data, que non hai previsión nin de prazos nin de orzamento para a construción das variantes e de que as obras actuais non redundarán nunha diminución significativa do tempos de viaxe -segundo o informe do Clúster da Función Loxística de Galicia- a conclusión é que o Goberno de Sánchez segue condenando á cidade e á provincia de Lugo a quedar fóra da alta velocidade”, segundo subliña Barreiro.
Ante as afirmacións do ministro Puente, os senadores do PP por Lugo veñen de rexistrar preguntas dirixidas ao Goberno de España para que “dea explicacións formalmente e por escrito” sobre as previsións temporais e orzamentarias que manexe para a construción das variantes “porque non coñecemos absolutamente nada”.
Tamén esixen ao Executivo estatal que aclare “se coas obras que está a realizar será posible, no seu día, circular a unha velocidade, como dixo o Ministro, de 200 km/h e cal é a diminución nos tempos de viaxe entre Lugo e Ourense que prevé o Goberno coas obras actuais para coñecer se está en disposición de contradicir ao Clúster da Función Loxística de Galicia”.
Os senadores do Partido Popular por Lugo queren que “o Goberno de Sánchez diga claramente se Lugo vai ter alta velocidade e cando se vai poder viaxar a alta velocidade entre Lugo e Ourense e, polo tanto, dispoñer tamén dunha conexión coa capital de España nun tempo razoable”.