Os sindicatos convocan mobilizacións agrarias o martes por toda Galicia

ACoruñaXa | OurenseXa
Entre as demandas dos gandeiros atópanse a fixación de prezos xustos, a racionalización da burocracia esixida ás granxas e o cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria
Ana Rodríguez, Vicerresponsable do Sector Leiteiro no SLG
16 Feb 2024

O vindeiro martes 20 de febreiro os gandeiros volverán saír á rúa nunhas mobilizacións agrarias conxuntas en múltiples puntos da xeografía galega. Así co comunicou esta mañá de venres na Coruña a gandeira e Vicerresponsable do Sector Leiteiro no Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Ana Rodríguez, nunha rolda de prensa xunto a representantes da Asociación Agraria de Galicia (ASAGA) e Unións Agrarias (UUAA).

Deste xeito, o martes haberá movilizacións de gandeiros en Ourense, A Gudiña, Lalín, A Coruña, Santiago e Compostela, Ortigueira, Vimianzo, Lugo, Ribadeo e Pedrafita. A tavés destas concentracións os gandeiros buscan reivindicar:

  1. Prezos xustos para os seus produtos: a eliminación da especulación, e creación de índices de referencia dos custos de produción nos diferentes sectores, incluíndo unha remuneración digna do traballo das produtoras e dos produtores, e mecanismos para facer cumprir a lei da cadea alimentaria e acabar con prácticas e marxes abusivas.
  2. Rexeitamento dos tratados de libre comercio (Mercosur), que poñan en perigo as súas producións, e priorizar as súas producións fronte a terceiros países que comercializan coa UE.
  3. Eliminar a burocratización que nos asfixia: o Caderno Dixital, o Decreto de Ordenación de Explotacións Bovinas e o Decreto de Fertilización Sostible de solos.
  4. Adaptación dos ecoesquemas e da PAC á realidade da agricultura e gandaría galegas, pagos en función das persoas activas e non pola superficie.
  5. Importes suficientes para atender as solicitudes de produción en ecolóxico, así como a totalidade de expedientes de agroambiente e clima e as axudas de incorporación.
  6. Recuperación de terra agrícola e a súa especial protección, e apoios ao sector fronte a novos retos como os cambios no clima, novas enfermidades ou o encarecemento dos insumos e combustibles.
  7. Fomentar o acceso da poboación aos alimentos apoiando os mercados locais e os circuítos curtos.
  8. Mantemento da redución no prezo do gasóleo para o sector, así como as condicións do gasóleo agrícola profesional.
  9. Remuneración dos danos de fauna salvaxe (xabarín, lobo...), e do lucrocesante e da totalidade das perdas ocasionadas, que deben ser minimizadas.
  10. Creación da figura do mediador na negociación de contratos e posta en marcha de observatorios de prezos nos produtos agrogandeiros.

Logo da rolda de prensa, as representantes das organizacións agrarias mantiveron unha xuntanza co Delegado do Goberno, Pedro Blanco, na que debullaron polo miúdo as reivindicacións que motivan estas mobilizacións.

Dende o Sindicato Labrego Galego, Ana Rodríguez fixo fincapé na falta de adecuación á Galiza das políticas agrarias desenvolvidas polo propio Ministerio de Agricultura, e de xeito diferenciado nas establecidas para o desenvolvemento da Política Agraria Común (PAC). O Delegado expresou o seu acordo con esta análise, manifestando o seu apoio a tentar adecuar estas medidas á realidade galega.

0.15240502357483