Os socialistas abren a porta a unha moción de censura no Concello de Ourense

OurenseXa
Os socialistas denuncian a situación de "bancarrota económica" do concello de Ourense e chaman ao PP a romper lazos co Goberno Municipal xusto cando se cumpre un ano da victoria de Pérez Jácome nas municipais
Concello_Ourense_recurso_2
Concello de Ourense
28 Maio 2024

Os grupo municipal socialista no Concello de Ourense compareceu esta mañá para dar conta da situación da institución municipal xusto cando se cumpre un ano da victoria do partido de Gonzalo Pérez Jácome nas eleccións municipais.

"Foi un ano no que o Ourense ideal de Gonzalo Pérez Jácome converteuse nunha auténtica pesadilla para esta cidade. Un ano no que se desmantelou, por riba de todo, os servizos sociais e a igualdade", afírmaba a portavoz dos socialistas en Ourense, Natalia González.

Na lista de servizos públicos extintos ou sen proxecto de futuro no horizonte enumerou, entre outros: a conciliación e o Centro de Información Municipal ás Mulleres (CIMM); as concesións en precario; os catro anos sen orzamentos; as inexistentes RPT, PXOM ou plan de estabilización para o funcionariado; as prazas de abastos que continúan pechadas; a ausencia de ordananzas de veladores, ruido e tráfico; ou o caos que imperou no transporte urbano. “Non só pola nova liña 6, senón tamén polos autobuses que non responderon en ningún momento ás expectativas xeradas cun dispendio de diñeiro público de 10 millóns de euros para ter vehículos nos que non colle a xente, non hai boa accesibilidade e nos que a última recomendación do executivo local é que encartemos aos nosos fillos e fillas para entrar”, expuxo a tamén secretaria xeral do PSdeG na cidade.

Lembrou, nesta liña, que Ourense ten o maior aumento de demora no que atinxe ao pago a provedores e permanece sumida nun “apagón termal sen visos de mellorar”, malia que o número de visitantes medrou exponencialmente coa chegada do AVE e só dispoñen de tres vasos termais públicos para desfrutar.

Entre as concellerías desaparecidas baixo o bastón de mando de Jácome atópanse a de Xuventude e Voluntariado, Comercio ou Participación Cidadá, con todo o que iso conleva. “A cultura redúcese ás orquestras, sen ton nin son, dun alcalde-presidente que non é máis que o presidente dunha comisión de festas”, recriminou González Benéitez ao máximo responsable do goberno local que non ten plan nin proxectos viables para Ourense. “E a alternativa á UPO foi un auténtico fracaso, desapareceu a colaboración co OUFF ou o OurenSoundFest ou a programación para celebrar as Letras Galegas”, engadiu.

Todo elo mentres a Administración local está en “bancarrota económica” e o rexedor converteuna nunha “oficina de colocación” para os seus afíns cun “boom de contratos a dedo sen precedentes na historia do Concello e con impagos aos empregados e empregadas públicas”.

Así mesmo, repasou as últimas ocorrencias do alcalde como reservarse para el en exclusiva o dereito de oficiar vodas ou soster que non vai convocar máis xuntas de voceiros e voceiras por non darlle a oposición a razón a cegas ou sen a información solicitada para tomar posicións con coñecemento de causa. “Cando Jácome entrou pola porta o consenso e a democracia saltaron pola ventá”, describiu a socialista.

A todos os recortes do último ano a portavoz do grupo municipal socialista engadiu os realizados nos catro anos anteriores nos que Democracia Orensana cogobernou co PP e en solitario. “Nós levamos un ano traballando para defender os intereses dos e das que máis o precisan, daquelas persoas en situación de vulnerabilidade e todo o que consideramos que debería ser innegociable: os servizos sociais, a igualdade e as infraestruturas. Pero creo que é o momento de ir un paso máis aló. Dende o Partido Socialista traballamos e dialogamos continuamente co resto da oposición, pero é hora de que o PP e o BNG decidan que queren ser de maiores”, defendeu a edil.

“O PP, se quere consenso e apostar pola cidade, debe rachar o pacto que ten co alcalde e que asinou para manter a Deputación. E con respecto ao BNG, tamén debe decidir se quere antepoñer os seus intereses políticos ou ter a altura de miras que a cidade precisa. Quedan tres anos por diante e é o momento de dar a cara e posicionarse”, argumentou aberta a chegar a consensos con todas as forzas con representación na corporación. “Somos conscientes do descrédito no que está sumida a política, en parte propiciado polo propio Jácome, pero temos a oportunidade de demostrar que a política pode servir para cambiar as cousas”, rematou contundente.

0.16642999649048