Os socialistas alertan do perigo que supón a parada de autobuses do Pavillón dos Remedios para os menores
O grupo municipal socialista alerta da perigosidade que pode supor para os e as menores, que se despracen ata ou dende o Pavillón de Os Remedios na nova liña 6 de autobuses, o emprazamento da parada, xusto enfonte, anunciada polo alcalde, Gonzalo Pérez Jácome.
“Fixo desaparecer dúas liñas, a 6A e 6B, e transformounas nunha soa coa excusa de dar un maior servizo ao barrio de O Couto. Mais agora o que temos é un paseo pola cidade cunha liña que tarda, aproximadamente, 53 minutos en pasar polas instalacións deportivas cando eles estimaban unha frecuencia horaria de cada 30 minutos”, criticou a concelleira do PSdeG María Fernández Ojea.
Lembrou, neste senso, que “a actual parada nin está correctamente sinalizada nin permite ás persoas acceder ou descender do vehículo en condicións de seguridade”. “Ante esta situación foi o alcalde o que anunciou que faría obras para que o autobús parase directamente na calzada”, relatou e subliñou que suporá un obstáculo tamén para o tráfico nunha das arterias de saída da cidade de Ourense.
“Non contento con iso, afirmou que se habilitará unha parada xusto enfronte onde conflúen tres carrís de acceso á urbe”, advertiu incidindo en que un gran número dos usuarios e usuarias do Pavillón son menores de idade. “Isto supón un grave perigo para a rapazada que diariamente asiste ás instalacións deportivas, non dá servizo á infraestrutura e ademais hai que agardar por unhas frecuencias horarias elevadas, sen un lugar habilitado para elo, que superan os 60 minutos”, rematou contundente a concelleira.