Os socialistas comezan unha rolda de contactos co sector vitivinícola da provincia para analizar as súas necesidades

OurenseXa
Destacan que o viño como un sector “clave e estratéxico” na economía da provincia, polo que se reunirán coas 4 denominacións de orixe presentes en Ourense
psoe-do-ribeiro
8 Jul 2025

O PSdeG-PSOE de Ourense vén de iniciar unha rolda de contactos co sector vitivinícola da provincia para analizar as necesidades que ten o sector nestes momentos e que proxectos serían axeitados para impulsar en cada Denominación de Orixe. As e os socialistas consideran o viño como un sector “clave e estratéxico” na economía da provincia, polo que se reunirán coas 4 denominacións de orixe presentes en Ourense.

O senador do PSdeG-PSOE de Ourense e voceiro socialista na comisión de Agricultura, Gandería e Alimentación no Senado, Rafael Rodríguez Villarino, e o secretario de medio rural da Executiva Provincial, Francisco López González, iniciaron os contactos co sector vitivinícola cun encontro coa presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Concha Iglesias Pousa, na sede desta entidade en Ribadavia.

Esta primeira xuntanza tivo por obxectivo “coñecer a situación do sector vitivinícola do Ribeiro no contexto da política arancelaria impulsada por Donald Trump”. Na mesma abordouse, de xeito integral, as necesidades e potencialidades dun ámbito produtivo “estratéxico”, que da traballo a arredor dun 5% da forza laboral de xeito directo, e a un amplo número de persoas de xeito indirecto noutros ámbitos socioeconómicos como o turismo, a cultura ou a gastronomía.

Rafael Rodríguez Villarino fixo fincapé na “produtividade” deste encontro co obxectivo de “tomar nota das necesidades que ten a Denominación de Orixe do Ribeiro e traballar para impulsar iniciativas dende as diferentes administracións que poidan potenciar o sector vitivinícola na comarca”.

O senador ourensán concluíu sinalando que “en breve, desenvolveranse reunións con representantes doutras Denominacións de Orixe Protexidas no ámbito do viño e derivados de este en Ourense e Galicia, coa meta de obter unha visión global da área, previa a unha reunión global con representantes do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, na que se fixen obxectivos de futuro para a realidade socioeconómica dos nosos caldos”.

⚙ Configurar cookies
0.15775203704834