Os socialistas da Peroxa denuncian a “penosa” situación do punto limpo

Os socialistas da Peroxa denuncian a “penosa” situación do punto limpo do municipio, cuxo estado habitual, din, “é o de ter case máis lixo fora que dentro do recinto”. Unhas reivindicacións ás que, aseguran, tamén se suma a Mancomunidade Santa Águeda, así como a veciñanza do Concello.
Ademais, critican os horarios de apertura do recinto. “Atopalo aberto é un auténtico milagre para calquera veciño ou veciña que queira facer uso deste servizo”, explican, e lembran que este servizo “pode servir ata para abaratar o novo recibo do lixo, agora trimestral e bastante máis caro con respecto a anos anteriores”, referíndose aos descontos postos en marcha pola Deputación nas taxas do lixo por usar os puntos limpos.
Os socialistas teñen claro que “aos mandatarios do noso Concello pouco lle podemos pedir xa que o de buscar solucións e reclamar onde realmente hai que facelo para que este servizo funcione correctamente igual é moito traballo”, e pregúntanse se a Deputación é coñecedora da situación.
Dende o PSdeG-PSOE da Peroxa instan ás administración responsables do mantemento das instalacións a tomar medidas e poñer unha solución ao estado do servizo.