Os socialistas de Ourense conmemoran en Celanova os 20 anos da aprobación do matrimonio igualitario impulsado polo PSOE

OurenseXa
Lembran foi grazas ao goberno liderado por Jose Luís Rodríguez Zapatero que aprobou a lei de matrimonio igualitario
psoe-ourense-orgullo-2025
O PSdeG conmemora o Orgullo LGTBI
28 Jun 2025

O PSdeG-PSOE de Ourense e Xuventudes Socialistas de Ourense celebraron hoxe en Celanova o acto central con motivo da Semana do Orgullo LGTBI+. Un evento no que as e os socialistas aproveitaron para por o foco na efeméride dunha das maiores conquistas democráticas da historia recente do país, como é a aprobación do matrimonio igualitario, impulsado polo PSOE, e da que se compren 20 anos.

O acto, celebrado na Praza Cervantes de Celanova, contou coa presenza de ducias de veciños e veciñas, ademais de cargos orgánicos e institucionais do partido chegados de toda a provincia. PSdeG-PSOE e Xuventudes subliñaron que “levamos 20 anos facendo historia, gracias a un Goberno valente, liderado por Jose Luís Rodríguez Zapatero, ou á loita incansable de activistas como Pedro Zerolo” e fixeron fincapé en que “non foi un agasallo, foi unha vitoria política fronte a unha dereita, que hoxe, igual que entón, oponse á liberdade cando non encaixa na súa estreita moral”.

O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila Araújo, puxo o foco no “traballo” realizado polo PSOE para “conseguir feitos históricos na defensa das liberdades, da igualdade e do respecto ao colectivo LGTBI” e tamén valorou que Celanova acollese este acto ao estar nun concello “berce da cultura”. O voceiro do grupo provincial socialista e alcalde de Taboadela sinalou que “non podemos baixar a garda e temos que seguir loitando por todos eses dereitos que tanto nos costou conseguir” e apuntou a que “fronte ao odio e os desprezos, a nosa resposta ten que ser clara, máis dereitos, máis igualdade, máis liberdade e máis respecto”.

Durante a súa intervención, o secretario provincial das Xuventudes Socialistas de Ourense, Borja López Fernández, afirmou que “ser LGTBI non debería ser un acto de valentía, pero aínda o é, posto que en demasiados recunchos do rural galego, vivir con liberdade a túa orientación ou identidade segue sendo unha decisión que implica medo, soidade ou rexeitamento”. Neste senso animou aos alcaldes e alcaldesas de toda a provincia a pendurar a bandeira LGTBI nos seus concellos, xa que tal como subliñou “non se trata de ideoloxía, trátase de humanidade”.

No acto tamén tomou a palabra o secretario de dereitos LGTBI da Executiva Provincial, Javién Alén, quen puxo en valor os exemplos españois na loita LGTBI e a loita dos seus activistas. “Este orgullo é un orgullo de ser, porque xa hai tempo que deixou de ser só amar, estamos ante un orgullo de loita e de resistencia do colectivo”, destacou. Tamén apuntou que “por máis que queira disfrazalo de apolítico, celebrar o orgullo é un acto enormemente político, dende os primeiros valentes que alzaron a voz ata os que hoxe defendemos os nosos dereitos ante unha axenda ultra que os quere derrogar”.

Pola súa banda a concelleira de Igualdade, Servizos Sociais, Educación, Mocidade, Promoción Empresarial, Emprendemento no concello de Celanova, Teresa Barge Dapía, aproveitou a súa intervención para destacar o compromiso do municipio co colectivo LGTBI+ e repasar as numerosas actividades preparadas dende o ente municipal para conmemorar dita data.

⚙ Configurar cookies
0.15785598754883