Os socialistas de Ourense critican á actitude do PP frote aos problemas de vivenda

Logo da Conferencia de presidentes que tivo lugar a pasada semana en Barcelona, as e os socialistas de Ourense lamentan que Alfonso Rueda regresase de ese encontro sen propostas concretas para Galicia e que asistise ao mesmo coa única intención de cumprir co guión do PP. “Temos que reprochar ao presidente da Xunta que continúe a facer seguidismo de Alberto Núñez Feijóo e non se preocupe polos galegos e as galegas”, critica a deputada do PSdeG no Parlamento Carmen Rodríguez Dacosta.
Lamentan, así as cousas, “que o PP poña difícil avanzar e asista a una reunión tan importante preferindo falar de eleccións anticipadas antes que de vivenda, sanidade ou financiamento autonómico”. “Rexeitou un plan para liberar fondos para ampliar a vivenda pública na nosa Comunidade Autónoma cando a situación en Ourense reflicte que temos un problema habitacional moi importante e estes fondos permitirían a moitos mozos e mozas, ou persoas con menores recursos económicos, obter solución a unha das súas maiores preocupacións”, continúa destacando a tamén vicesecretaria xeral de Relacións Institucionais da Comisión Executiva Provincial dos e das socialistas.
Así as cousas, destacan que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, propuxo financiar con 7.000 millóns de euros a construción de vivenda pública. “Pero para que isto funcione, as administracións autonómicas e locais teñen que estar á altura e en Ourense nin a Xunta nin o Concello o están”, incide a responsable de Vivenda na Comisión Executiva Municipal do PSdeG, e edil na cidade, Alba Iglesias.
“Non hai nin proxecto, nin o máis mínimo interese en proxecto de vivenda. E mentres tanto somos a provincia que lidera en canto a maior número de vivendas baleiras, cunha oferta de alugueiro en mínimos históricos”, remarca.
“Rexeitar un pacto de Estado en materia de vivenda e facer desplantes coas linguas cooficiais supón sabotear a Conferencia de presidentes. Nin máis, nin menos”, lamenta, pola súa banda, o secretario de Vivenda da Comisión Executiva Provincial do PSdeG de Ourense, Daniel Barredo.
Por iso, “ante a nefasta actitude dos representantes do Partido Popular nun órgano que debería servir para chegar a acordos e facer propostas”, as e os socialistas recordan que os problemas da cidadanía requiren sentido de Estado. “Os presidentes autonómicos do PP deben ser conscientes de que representan non só aos seus votantes, senón ao conxunto da cidadanía dos seus territorios. E triplicar o investimento público en vivenda pública sería un avance innegable para enfrontar un grande problema á orde do día”, remata sopesando.