Os socialistas de Ourense demandan a creación dun plan de vivenda xuvenil e outro de alugueiro público

OurenseXa
Denuncian que a xente nova é a máis afectada pola carencia de vivenda na cidade e os elevados presos dos alugueiros
miguel-gomez-daniel-barredo-xurxo-doval
Miguel Gómez, Daniel Barredo e Xurxo Doval
1 Jun 2025

En liña coas medidas presentadas estes días polo grupo municipal do PSdeG para abordar a problemática da vivenda na cidade de Ourense -incentivos fiscais para aquelas persoas que poñan en alugueiro público os seus inmobles, a elaboración de censos que contabilicen as vivendas baleiras e en estado de abandono ou o seguimento minucioso do Plan Rexurbe a través duna comisión específica-, as e os socialistas sinalan que tamén demandarán o desenvolvemento dun programa de alugueiro público e un plan de vivenda xuvenil. Todo elo dentro dunha moción realizada en colaboración estreita coas Xuventudes Socialistas de Ourense (XSO).

“A problemática da vivenda en Ourense afecta de xeito particular á xente nova. Os prezos dos alugueiros incrementáronse nos últimos anos sen que a oferta dispoñible sexa suficiente para cubrir a demanda”, advirte o secretario xeral da organización moza na cidade, Miguel Gómez. “Ademais, as poucas vivendas accesibles adoitan ter condicións deficientes ou prezos que superan a capacidade económica dos mozos e das mozas que buscan emanciparse”, engade o coordinador provincial de XSO, Daniel Barredo.

Como resultado, a xente moza vese obrigada a abandonar a cidade en busca de mellores oportunidades, agravando aínda máis o problema demográfico que Ourense leva décadas arrastrando. Por elo, propoñen na iniciativa que se desenvolva un programa de alugueiro público, mediante o cal o Concello actúe como intermediario entre as persoas propietarias e as inquilinas. “As propietarias que poñan as súas vivendas en alugueiro con prezos regulados recibirán incentivos económicos e garantías de cobranza, así como a seguridade de que a final de cada mes percibirían o pago do arrendamento e acceso a unha asistenza xurídica”, expón o secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Galicia, Xurxo Doval.

“O noso obxectivo é que dentro de 20 anos, no Casco Vello, dispoñamos dun 20% de vivendas públicas ou protexidas aproveitando programas de financiación estatais, europeos e autonómicos, como é o caso do Plan Rexurbe, para que todas esas vivendas que se poidan construir ou rehabilitar teñan esa consideración de protexida”, aclara sobre as propostas da moción.

Esta medida vai ligada ás xa explicadas sobre os diferentes incentivos fiscais que se poderían aplicar na nosa cidade para abordar a problemática de xeito transversal e en profundidade. E en concreto sumaríase outro máis, tal e como subliña o coordinador provincial de XSO: “Propoñemos bonificacións fiscais para mozos e mozas menores de 35 anos e a conversión dos espazos baleiros no casco histórico para destinalos a vivenda protexida”.

0.30258798599243