O PSOE de Ourense denuncia que a moción de censura de Manzaneda é “un regreso aos tempos do baltarismo”

RibeiraSacraXa | OurenseXa
O secretario provincial, Álvaro Vila, acusa o PP de “mercar tránsfugas con diñeiro público” e advirte de que a moción en Manzaneda “marcará un antes e un despois nas relacións entre o PP e o PSOE”
rolda-de-prensa-psoe-manzaneda
Rolda de prensa do PSdeG-PSOE en Manzaneda
29 Oct 2025

O PSdeG-PSOE de Ourense compareceu hoxe ante os medios de comunicación en Manzaneda para denunciar o intento de moción de censura impulsado polo PP co apoio de dous concelleiros socialistas “tránsfugas”.

O secretario provincial, Álvaro Vila, e unha delegación de dirixentes do partido desprazáronse ata o municipio para reunirse co alcalde, Amable Fernández Basalo, e transmitirlle o apoio “total e rotundo” de todo o partido.

Vila Araújo acusou á Deputación de Ourense de continuar co “baltarismo” e asegurou que “esta decisión de seguir o mesmo camiño, de mercar tránsfugas con diñeiro público, como fixeron os seus predecesores, marcará un antes e un despois nas relacións entre o PP e o PSOE”.

“Nas institucións non se poden tergiversar as decisións que toman os cidadáns nas urnas”, afirmou con contundencia Vila, que esixe ao PP e, concretamente, ao presidente da Deputación, Luis Menor, que “rectifique e volva á senda constitucional e ao pacto antitránsfugas, que segue vixente hoxe, a pesar da sentenza xudicial”.

“O que se está facendo en Manzaneda, co apoio de dous tránsfugas”, sinalou o secretario provincial, “é algo inaudito en Ourense, algo que rompe a harmonía en favor da provincia”, e responsabilizou directamente a Menor. “Isto non se pode facer sen o consentimento do presidente do PP de Ourense, sen o consentimento do presidente do Consello Provincial. Ou non ten control sobre o partido ou dálle a súa aprobación, e ambas as opcións son malas”, afirmou.

Ademais, advertiu de que a moción en Manzaneda sería só o principio, asegurando que desde o partido son coñecedores de que “esta mesma manobra se está intentando noutros municipios gobernados polo Partido Socialista. Están a presionar aos nosos alcaldes para que cambien de partido”.

O secretario provincial recalcou que “a relación non pode ser a mesma cando veñen saquear as nosas corporacións con dous tránsfugas que manexan fondos públicos para o seu propio beneficio”.

Pola súa banda, Amable Fernández denunciou que a moción chegue “un ano antes das eleccións” e asegurou que “ao candidato do PP xa se lle dixo nas urnas que non era a opción do pobo”, lembrando que o PSOE pasou de 3 a 5 concelleiros.

“Impulsamos o Concello na pasada lexislatura, atravesando unha pandemia e momentos difíciles. Os veciños saben o que ocorre, saben como traballamos. Temos moitos proxectos, obras, reparacións, moitas cousas en marcha”, sinalou o aínda alcalde, defendendo a súa xestión á fronte do consistorio. En canto á oposición do PP, engadiu: “Temos unha oposición sólida, que non presentou unha moción en seis anos. Non se presentan no Concello e, cando o fan, chegan tarde aos plenos”.

Para os socialistas, a moción de censura en Manzaneda “supón un regreso aos tempos máis escuros do baltarismo”. Amosaron a súa “sorpresa” polas declaracións do PP provincial que, din, “tras negar o seu apoio activo e pasivo á moción, finalmente quítanse a máscara e recoñecen que a avalan e que chegarán ata o final”, acusando ao líder provincial de “bendicir e promover o transfuguismo co único obxectivo de sumar alcaldías a calquera prezo”.

Segundo os socialistas, “no PP de Ourense o caciquismo e o clientelismo nunca desapareceron, senón que permaneceron latentes, agardando o momento oportuno para resurgir con forza ante calquera cambio e romper coa vontade democrática do pobo de Manzaneda”. Critican tamén que “o PP pretende gobernar o municipio sen respectar as normas democráticas básicas, intentando mercar co diñeiro dos veciños o que non obtivo nas urnas”.

Engaden que “o PP e os tránsfugas pretenden gobernar o Concello sen coñecer o seu regulamento”, en referencia ás irregularidades detectadas na sinatura da moción e lembrando a decisión do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Ourense, que admitiu a trámite a medida cautelar interposta polo alcalde e suspendeu a tramitación da moción de censura por posibles causas de nulidade.

“Se son incapaces de asinar correctamente unha moción de censura, ¿como van poder gobernar un Concello e resolver os problemas dos veciños?”, cuestiona o PSOE provincial, que agarda finalmente que “ou ben o PP retire o seu impulso a esta moción ou ben os dous concelleiros tránsfugas presenten as súas actas”.

⚙ Configurar cookies
0.047197103500366