Os socialistas de Ourense esixen á Xunta un plan para garantir a climatización nos centros sanitarios da provincia

O PSdeG-PSOE de Ourense insta á Xunta de Galicia a por en marcha, con carácter de urxencia, un plan de actuación específico para garantir a climatización axeitada dos centros de saúde e hospitais da provincia de Ourense, incluíndo tanto a instalación de novos sistemas, como o mantemento e modernización dos existentes. As e os socialistas alertan que coa chegada das altas temperaturas a situación “é límite” en moitos centros de saúde e plantas hospitalarias que soportan condicións térmicas “extremas” ante a falta de investimentos en sistemas de climatización.
O comité intercentros xa alertaban desta situación o pasado verán, pero tal e como apuntan as e os socialistas “non se moveu un só dedo para pórlle solución a esta problemática, e un verán máis atopámonos cunha situación que pon en risco a saúde e seguridade laboral das profesionais e tamén das e dos pacientes, especialmente daquelas máis vulnerables”. A situación afecta principalmente aos centros de saúde de Ribadavia, Xinzo de Limia (área de fisioterapia), O Carballiño, Maceda, Amoeiro, Cea, Cartelle, Xunqueira de Ambía, Celanova e Leiro, así como ao Hospital Piñor e aos edificios Cristal e Santa María Nai do CHUO, onde se rexistran temperaturas superiores aos 30 graos, chegando incluso a 32.
A deputada do PSdeG-PSOE de Ourense no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, desprazouse ata o centro de saúde de Ribadavia, onde puido comprobar de primeira man a situación. A parlamentaria socialista subliña que “moitos centros da provincia están a sufrir temperaturas extremas por mor da calor e a ausencia de climatización nos mesmos”. Tamén apunta que “estamos ante unha situación de extremo perigo, tanto para os pacientes con doenzas crónicas, cativos e persoas maiores, como para os profesionais sanitarios”.
“Ante a desidia total da Xunta de Galicia, as e os socialistas presentamos unha batería de iniciativas para que se actúe xa, presentando un plan urxente para os centros de saúde e hospitais, nos que se busquen solucións definitivas, e incluso medidas provisionais para este verán, xa que a saúde é unha obriga a que a Xunta debe dar resposta”, destaca Rodríguez Dacosta. A deputada autonómica tamén sinala que “o verán pasado, as delegadas de prevencións dos sindicatos xa deron conta a Xunta da situación e prometeron que se ía arranxar, pero non fixeron nada ao respecto”.
Pola súa banda a secretaria provincial de sanidade da Executiva Provincial e concelleira socialista en Ribadavia, Noelia Rodríguez Travieso, pon o foco no centro de saúde de Ribadavia, do que afirma “recibiu investimentos de máis de 700.000 euros por parte da Xunta, nun lavado de imaxe no que non se tivo en conta a eficiencia enerxética, as altas temperaturas, nin a seguridade laboral do persoal sanitario”. Neste senso tamén lembra que a Xunta “ten as competencias en materia sanidade e debe tomar medidas canto antes, xa que corre o risco de perder aínda máis persoal cualificado, o que sería unha nova devastadora para a sanidade da provincia e de Galicia”.
O PSdeG-PSOE de Ourense tamén insta á Xunta a dotar de inmediato a estes centros dos medios necesarios, namentres non se executan as obras definitivas, para garantir as condicións mínimas de benestar para profesionais e pacientes. Asemade tamén piden que se elabore e se presente no Parlamento de Galicia un informe detallado sobre a situación actual dos sistemas de climatización en tódolos centros sanitarios públicos da provincia, onde se inclúan as actuacións realizadas, pendentes e planificadas, coas correspondentes partidas orzamentarias.