Os socialistas de Ourense lamentan as débedas do Concello aos traballadores municipais

OurenseXa
“Máis de 6 meses tardou o goberno en admitir a insuficiencia de crédito para aboar as nóminas deste ano e case dous para tramitar unha modificación de crédito para tentar solventalo", aseguran
Pleno do Concello de Ourense, agosto de 2024
19 Ago 2024

O vindeiro martes, 20 de agosto, está convocada unha comisión de pleno, previa á convocatoria dun pleno extraordinario, na que se inclúe unha modificación de crédito para dotar aos gastos de persoal e coa que se pretende garantir o cobro das retribucións fixas e o pago das nóminas dos traballadores e traballadoras do Concello de Ourense neste exercicio, baixo a modalidade de suplemento de crédito, por un importe de 4.747.784,47 euros financiados con cargo ao Remanente de Tesouraría.

Increméntase agora a partida para gastos de persoal un 13,68 % e segundo os informes do Coordinador de Alcaldía que obran no expediente, tal incremento posibilita non so aboar os pluses e horas extra que se endebedan aos traballadores e traballadoras públicos, senón que contempla as que se atopan reclamadas xudicialmente para o seu eventual abono, así como a suba do 0,5% do ano 2023 e do 2% prevista para este exercicio, entre outros conceptos retributivos fixos e variables das nóminas das empregadas públicas.

“Os argumentos e cálculos realizados polo goberno semellan convincentes se non fora porque chegan tarde e sen os apoios técnicos suficientes” afirma María Fernández, “Aprobada a liquidación municipal o 20 de xuño alégase unha elevada carga de traballo para o retraso de dous meses na elaboración desta proposta de modificación de crédito, que si tería que ter sido prioritaria, e agora se trae a pleno obviando o criterio da intervención no que se indica que o tipo de modificación elixido é incorrecto e informa desfavorablemente a mesma, e que tampouco conta co apoio sindical suficiente”

“No pleno extraordinario celebrado en xullo declarouse a existencia dun reparo e o levantamento do mesmo como fórmula, irregularmente creativa, para tentar solventar o pago de retribucións complementarias que o goberno municipal endebeda ao persoal municipal dende o mes de febreiro. Este parche nin facilitou a solución e o pago das débedas contraídas, nin soluciona a falta de crédito no capítulo 1 derivada da anulación do mesmo por sentenza xudicial. Tal e como advertiamos naquel momento era necesario habilitar crédito suficiente no capítulo 1 o cal solo era posible cunha modificación de crédito, que traen agora tarde e mal”.

“O goberno é coñecedor desta sentenza dende hai case un ano, período no que non adoptou ningún acordo encamiñado a súa execución e só agora recoñece unha situación de ‘insuficiencia orzamentaria’ que leva ocultando primeiro e negando despois, dende o mes de marzo e mentres tanto a xente non cobra parte das súas nóminas”

 

No que se refire á modificación orzamentaria, a concelleira María Fernández afirmou que aprobala non implica que sirva como solución ao advertir a intervención que os 4,4 millóns eventualmente habilitados a través desta figura, non van poder ser utilizados para os fins pretendidos, porque apuntan á aplicación orzamentarias instrumentais que non poden acoller directa nin indirectamente gastos de persoal”, non obstante os gastos de persoal son, ou a lo menos deberían ser, gastos prioritarios e se este acordo pode axudar a solventar a situación creada pola ausencia de vontade política do actual goberno, dende logo conta co noso apoio”, rematou a concelleira.

0.19692492485046