Os socialistas de Ourense logran sacar adiante unha moción en apoio ás persoas celíacas da cidade

O grupo municipal socialista conseguiu que se aprobasen na sesión plenaria ordinaria de maio as dúas iniciativas que presentou nesta ocasión no eido do benestar social. A primeira delas, cos votos a favor do BNG e a abstención de PP e DO, para que se poña en marcha unha liña de axudas dende o Concello para as persoas celíacas con menos recursos e a “Rede Ourense sen Glute”, ofrencendo tamén a través da Concellería de Saúde formación e información tanto para a cidadanía como para os e as profesionais da hostalería.
“A dispariedade de prezos entre os produtos con e sen glute chega a alcanzar o 200% máis sobre os segundos. Por poñer un exemplo dun produto básico: o pan sen glute, un alimento que case a totalidade da poboación consume a diario e que 100 gramos de media ten un custe de 1,27 euros; mentres que se se trata de pan común, con glute, estes 100 gramos custan 0,23 euros”, destacou a voceira do PSdeG, Natalia González.
“A Xunta de Galicia debe ir máis aló do fomento do comercio e a restauración para as persoas celíacas, que está ben, pero con prezos desorbitados dos produtos sen glute non é unha prioridade ir a restaurantes para as familias, que teñen que pagar case 100€ máis cada mes pola compra por cada celíaco que conviva nese núcleo”, afirmou.
A segunda iniciativa, para elaborar e poñer en marcha unha estratexia que aborde a problemática do senfogarismo, a pobreza enerxética e a carencia alimentaria acadou o respaldo dos grupos da oposición –PP e BNG–. E insta ao executivo de Gonzalo Pérez Jácome a recuperar e dotar de asignación económica os programas e servizos de promoción de saúde do Concello de Ourense.
“A preocupación e incomodidade da veciñanza é normal e xustificada en moitas zonas e barrios da nosa cidade. Esta problemática vai máis aló dunha cuestión de control, vixianza e seguridade por parte das administracións e require dunha intervención social colectiva, na que o Concello de Ourense debe e ten que xogar un papel fundamental”, expuxo a voceira dos e das socialistas.
Explicou, nesta liña, durante a súa intervención que consideran imprescindible que se modifique e mellore o regulamento de funcionamento do Fogar do Transeúnte adaptándoo ás novas necesidades existentes. “Na actualidade, esta instalación resulta totalmente insuficiente por desgraza, ademais de contar cun regulamento pendente de actualización para esta nova realidade; e entendemos que convén reformular os criterios de acceso e días de estancia mínima, habilitar o acceso ao mesmo na compaña de animais, a mellora e reforzo da atención interdisciplinar ás persoas usuarias e a supervisión antes, durante e despois do seu paso polas instalacións”, sinalou.