Os socialistas de Ourense organizan o vindeiro 1 de maio a súa tradicional ofrenda a Pablo Iglesias

A Comisión Executiva Municipal do PSdeG organiza, o vindeiro xoves 1 de maio, a súa tradicional ofrenda floral e lectura do manifesto, diante do busto do fundador do Partido Socialista Obreiro Español, Pablo Iglesias Posse, situado na rúa que leva o seu nome. Será ás 10.30 horas.
Despois da homenaxe e reivindicación por continuar mellorando as condicións da clase traballadora, reducir a fenda salarial e a xornada laboral, a agrupación municipal tamén percorrerá as rúas de Ourense na manifestación convocada polas organizacións sindicais da provincia ao mediodía.
“Sairemos á rúa, como cada Día dos e das Traballadoras, para lembrar o xa conquistado. Mais tamén para comezar a gañar o futuro con máis dereitos como a redución da xornada laboral a 37,5 horas semanais que previsiblemente se aprobará o martes no Congreso”, destacou sobre a última medida do Goberno progresista neste eido.
“Consideramos fundamental continuar reivindicando e alzando a voz ante as desigualdades que aínda persisten e conseguir unha sociedade máis equitativa en dereitos e salarios”, rematou exhortando a participar nos actos organizados para esa data.