Os socialistas de Ourense organizan un acto aberto á cidadanía para conmemorar as Letras Galegas

OurenseXa
Será este venres, 16 de maio, e contará coa actuación de A Voz das Mouras
psoe-acto-letras-galegas-ourense
Cristina Cruz e Natalia González
14 May 2025

Dende a Comisión Executiva Municipal (CEM) do PSdeG de Ourense aportarán o seu gran de area para celebrar o Día das Letras Galegas ofrecendo á cidadanía un acto aberto para todos os públicos que terá lugar este vernes, ás 19.30 horas, na Praza San Martiño. Para elo contarase coa actuación musical de A Voz das Mouras.

“Queremos facer unha festa en homenaxe a esas mulleres cantareiras que fixeron perdurar a tradición e o folclore do pobo galego. Por iso contaremos con este grupo de voces femininas que reflicte esa mestura de herdanza e vangarda”, explica a secretaria de Educación da CEM, Cristina Cruz.

Así mesmo, a secretaria xeral da Agrupación Municipal, Natalia González, destaca que “as mulleres foron figuras centrais na creación, preservación e transmisión da cultura”. “As pandeireteiras, bailadoras e tocadoras son símbolo de resistencia, apoderamento e sororidade que fortaleceron os vencellos comunitarios no ocio colectivo, inconscientes, probablemente, da súa forza emocional e política”, subliña sobre o eixo vertebrador do Día das Letras Galegas 2025.

⚙ Configurar cookies
0.16759896278381