Os socialistas de Ourense propoñen un modelo cooperativo como solución aos problemas de vivenda na cidade

Os socialistas de Ourense pedirán ao Concello que reserve solo público para poñer en marcha proxectos de vivenda colaborativa e cooperativa. "Existe outra maneira de vivir, sen especulación e con prezos xustos. Chámase vivenda cooperativa e por iso propoñemos que se reserve espazo público para que o Concello impulse iniciativas deste tipo nas que os propietarios sexan os que as administran”, comeza expoñendo o secretario xeral de Xuventudes Socialistas de Ourense (XSO), Miguel Gómez, sobre outra das medidas que o grupo municipal socialista proporá na sesión plenaria de xuño, en colaboración coa organización política moza.
Entenden, deste modo, que o modelo tradicional de acceso á vivenda non é a única solución posible xa que en moitas cidades europeas están a ter éxito proxectos de vivenda colaborativa, que permiten reducir os custos e garantir un acceso estable á mesma. A propiedade adoita ser dos propios residentes (ou da cooperativa) e o interesante deste modelo radica en que os son eles os que teñen o control sobre a xestión e as decisións para manter os prezos accesibles e asegurar a estabilidade a longo prazo.
A través deste sistema, os residentes non poden vender as vivendas e as propiedades se manteñen protexidas da especulación. Cando alguén se vai, devólveselle a súa achega ao capital social, pero o prezo de entrada non sobe debido a revalorizacións, o que o convirte nunha alternativa sólida para o acceso á vivenda. “A través da cesión de uso garantimos que as persoas teñan un fogar a longo prazo e estable para vivir e estas medidas xa funcionan noutras cidades como A Coruña e Vigo, polo que cremos que é hora de que chegue a Ourense”, engade o secretario de Vivenda da Comisión Executiva Provincial, Daniel Barredo.
Dende o grupo municipal do PSdeG e XSO inciden na importancia de denominar a estas medidas como de "vivenda pública", en lugar de "vivenda social", para subliñar que o acceso á mesma debe ser un dereito, non unha axuda asistencialista. “Queremos reforzar a idea de que as administracións deben garantir a dispoñibilidade de vivendas alcanzables como un servizo público e, ademais, este termo fai que a política de acceso á vivenda non se limite a situacións de vulnerabilidade extrema, senón que se amplíe á mocidade, aos traballadores e traballadoras, ás familias e a outros perfís sociais”, subliña a voceira dos e das socialistas no Concello de Ourense, Natalia González Benéitez.
Desta maneira, explican no texto rexistrado que debaterán no vindeiro pleno ordinario de xuño, "vivenda pública" muda a mentalidade da vivenda como unha solución de emerxencia á súa consideración como un servizo esencial para o benestar da cidadanía: vivenda digna como dereito e non como caridade.