Os socialistas de Ourense sinalan que o Goberno continúa amosando "a súa firme aposta pola cidade"

OurenseXa
Marga Martín Rodríguez, deputada no Congreso, lembra que “ningún executivo dedicou tantos fondos para mellorar as comunicacións” como o actual
Executiva_psoe_Ourense
21 Ago 2024

Os socialistas de Ourense sinalan que o Goberno de Pedro Sánchez continúa amosando "a súa firme aposta pola cidade e a provincia investindo no desenvolvemento das infraestruturas imprescindibles para o progreso económico e social".

Marga Martín Rodríguez, deputada no Congreso, lembra que “ningún executivo dedicou tantos fondos para mellorar as comunicacións” como o actual, logo de publicarse no BOE as obras de execución do proxecto de rehabilitación da antiga estación de San Francisco para convertela no novo Centro de Regulación e Control (CRC) do tráfico ferroviario de Galicia por un total de 4.547.000 euros.

“O que se vén de anunciar é a formalización do contrato para ditas obras de acondicionamento dun edificio que, dende 1957, é un símbolo destacado para as e os ourensáns”, valora a socialista pola provincia na Cámara Baixa. E engade que a actuación, para a cal se recibiron ata 11 ofertas diferentes, representa “un paso moi significativo para o crecemento ferroviario de Galicia”.

Neste senso, recordan que o investimento total para o CRC se prevé que ascenda aos 14,7 millóns de euros ao incorporarse á infraestrutura, ademais, tecnoloxía de vangarda para o control da circulación, o que mellorará a eficiencia e a seguridade do transporte para xestionar as liñas dos tres tipos de anchos de vía que coexisten na Comunicade Autónoma.

Tamén o senador, Rafael Rodríguez Villarino, considera que este proxecto, sumado outras iniciativas en curso, como a renovación e ampliación da estación intermodal, a modernización integral da liña Ourense-Lugo e a variante exterior, consolida a Ourense “como o nó ferroviario máis importante de Galicia”.

A e o representante do PSdeG-PSOE en Madrid destacan que “esta transformación é crucial para unha cidade que permaneceu e permanece historicamente ligada ao ferrocarril”.

“Foi o executivo socialista o que inaugurou a alta velocidade de Ourense a Santiago no ano 2011 e que no 2021, baixo a dirección de Pedro Sánchez, uniu Ourense a Madrid a través do AVE, reducindo o tempo da viaxe a tan só 2 horas e 15 minutos. Estas melloras xeraron grandes expectativas económicas e un aumento significativo da chegada de viaxeiros e viaxeiras á provincia”, puntualizan, pola súa banda, dende o grupo municipal socialista.

Coa remodelación e ampliación da estación e o CRC, o Goberno de España “continúa demostrando o seu compromiso co benestar da nosa cidade, levando a cabo un proxecto que o Partido Popular mantivo no caixón” rematan.

0.19198393821716