Os socialistas denuncian “improvisación e caos” na económica do goberno de Jácome

OurenseXa
Consideran que a proposta do Goberno Municipal de levar a pleno unha modificación de crédito por máis de 25 millóns de euros amosa “a súa incapacidade de planificar” e “a falta dun proxecto serio para a cidade”
natalia-gonzalez
Natalia González
10 Sep 2025

O PSdeG de Ourense critica o último anuncio do alcalde de Ourense de levar a pleno unha modificación de crédito por máis de 25 millóns de euros, cantidade que supón arredor do 25 % do recentemente aprobado orzamento municipal, ao considerar que a decisión “evidencia, unha vez máis, a total improvisación e o caos na planificación económica do goberno de Democracia Orensana”.

Din os socialistas estar “sorprendidos” ante a “actitude participativa do goberno municipal” tras presentar a proposta “que despachou en 10 minutos sen máis datos nin explicacións que unha táboa na que se mesturan obrigas legais como o pago de sentencias, investimentos esenciais como a remodelación de parques infantís e consecuencias da pésima xestión do alcalde como a compra de colectores, incapaz de incluílos no prego do lixo e hipotecando a nosa cidade”.

O grupo reunirase agora para fixar unha posición conxunta, que será trasladada ao alcalde este venres, e reiteran “que a xestión orzamentaria do actual goberno municipal só serve para poñer de manifesto a súa incapacidade de planificar, a súa improvisación constante e a súa falta de proxecto serio para a cidade de Ourense”.

Respecto á proposta anunciada este martes polo Goberno municipal, a modificación incluiría un total de once actuacións que incluirían un proxecto de humanización e mobilidade vertical coa execución de ramplas mecánicas na rúa Vasco Díaz Tanco e outro na Rampla de Sas, a restauración da pasarela sobre o río Miño en Outariz, a rehabilitación da Pasarela do Vao (Parque Miño), a posta en valor de 40 parques infantís, áreas de ocio e esparexemento, o acondicionamento do parque e zonas verdes na contorna da praza Daniel González, a subministración de colectores de carga lateral en superficie, destinados á recollida de residuos sólidos urbanos, o cumprimento de varias sentenzas xudiciais, a redacción do Plan Especial de Protección do Sitio de Interese Histórico das Fontes Termais das Burgas e do Conxunto de Interese Histórico da Cidade de Ourense e a redacción da adaptación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOU).

⚙ Configurar cookies
0.16733002662659