Os socialistas denuncian un “recorte encuberto” das liñas de autobús por parte do Concello de Ourense

OurenseXa
Advirten que a reforma “significa unha perda clara de cobertura en barrios e núcleos rurais, deixando a milleiros de veciños e veciñas sen alternativas reais de transporte público”
autobuses-urbanos-concello-ourense
2 Sep 2025

O Grupo Municipal Socialista no Concello de Ourense denuncia que o novo mapa de liñas de autobús anunciado polo executivo de Gonzalo Pérez Jácome prevista para entrar en vigor o 16 de setembro, supón “un recorte encuberto que vai provocar un auténtico caos na mobilidade da cidade en plena volta ao cole.

Actualmente, Ourense conta con 27 liñas diúrnas e 2 nocturnas, ás que se engaden servizos especiais, mentres que o novo deseño reduce a rede a só 20 liñas, mantendo apenas 3 das actuais. Isto, din os socialistas, “significa unha perda clara de cobertura en barrios e núcleos rurais, deixando a milleiros de veciños e veciñas sen alternativas reais de transporte público”.

Advirten ademais que mentres que o Concello asegura que co novo mapa melloraranse as frecuencias, a realidade é que “non haberá máis autobuses nin máis condutores, o que fai imposible garantir un servizo de calidade”. Sen este reforzo de recursos, din, a mellora “é unha promesa irreal que só xera máis desconfianza”.

Para os socialistas, o máis grave é que non existe ningún estudo de necesidades e de demanda que avale esta decisión. Po iso, insisten, “trátase dunha reforma improvisada, sen datos técnicos, sen participación da cidadanía e sen diálogo cos colectivos sociais, veciñais ou laboráis”.

Lembran que “o transporte público é un servizo esencial e debe deseñarse con rigor, transparencia e pensando na xente” e anuncian que solicitarán ao Goberno local a publicación inmediata dun estudo técnico serio, un mapa comparativo completo de liñas actuais e novas, a apertura dun proceso de participación cidadá e un período piloto transitorio, que permita avaliar e corrixir o servizo antes de consolidalo.

⚙ Configurar cookies
0.16908097267151