Os socialistas destacan que a ampliación a N-120 pon fin a unha eiva histórica en Ourense
O PSdeG-PSOE de Ourense destaca que a aprobación definitiva do trazado para ampliar carrís na N-120 entre Ourense e Os Peares, levada a cabo polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, “é unha mostra máis do compromiso do Goberno socialista liderado por Pedro Sánchez pola provincia de Ourense”. Os e as socialistas valoran “moi positivamente” unha actuación que permitirá mellorar as comunicacións e a seguridade nesta estrada de “vital” importancia para a provincia.
O Ministerio anunciou no día de onte a aprobación do expediente de información pública e do proxecto de trazado para a mellora da seguridade vial na estada N-120, coa implantación de 4,22 quilómetros de carrís adicionais entre os puntos quilométricos 548,800 e 564,000 na provincia de Ourense e que contará cun investimento de 5,8 millóns de euros. Os traballos consisten no acondicionamento de intersección e na implantación de carrís adicionais en tres tramos de dita estrada, situados nos municipios de Pereiro de Aguiar e Nogueira de Ramuín.
A deputada no Congreso, Marga Martín Rodríguez, e o senador, Rafael Rodríguez Villarino, afirman que este investimento solucionará unha “eiva histórica” nunha estrada que entre Ourense e Os Peares tan só permite o adiantamento nos dous últimos quilómetros a saída da capital. Os representantes dos e das socialistas ourensáns en Madrid poñen de manifesto que esta actuación “é moi necesaria para mellorar a seguridade viaria, para facilitar adiantamentos e para mellorar as comunicacións e os tempos nos desprazamentos”.
“Durante o mandato do Partido Popular e Mariano Rajoy no Goberno central foron suprimidas todas as liñas descontinuas entre Ourense e Os Peares, por razóns de seguridade, cuestión que non poñemos en dúbida”, destacan Martín e Villarino, que lle afean ao PP que “por aquel entón non previran ningún tipo de actuación para paliar estas supresións, nin a construción de carrís adicionais”. O PP optou naquel momento pola “solución fácil”, sen valorar a posibilidade de facer un investimento para mellorar os adiantamentos na N-120.
A congresista e o senador do PSOE ourensán salientan que “namentres o PP recorta sen previsión, os e as socialistas apostamos por investimentos reais e efectivos nas infraestruturas da provincia para mellorar a seguridade viaria e a mobilidade”. Marga Martín e Rafa Villarino sinalan que “con estes carrís de adiantamento solucionase esta eiva histórica” e subliñan que o PSOE “amosa o seu férreo compromiso polas infraestruturas da súa competencia na provincia”. Ambos afirman tamén que “agardemos que a Xunta e a Deputación de Ourense fagan o propio nas estradas da súa titularidade, que precisan de importantes inversións tras anos de abandono".
“Nunca antes un goberno de España fixo tanto polo avance e impulso das infraestruturas e os servizos clave de Ourense”, eloxiaron os e as socialistas.
Para solucionar os problemas de adiantamento na N-120 levarase a cabo a execución de carrís adicionais nos seguintes tramos:
- TRAMO 1: qm 551,220 ao 552,950 sentido Ourense.
- TRAMO 2: qm 556,280 ao 557,410 sentido Monforte.
- TRAMO 3: qm 559,740 ao 561,170 sentido Ourense.
As interseccións nas que se actuará corresponden son as seguintes:
- No quilómetro 550,8 construirase unha intersección en T canalizada sen carril central de espera. Permitirá catro movementos, con xiros a esquerda e presentando cuñas reducidas de cambio de velocidade.
- No quilómetro 558,2 levarase a cabo una intersección en T canalizada sen carril central de agarda. Permitirá tres movementos, presentando cuñas reducidas de cambio de velocidade.