Os socialistas esixen a Jácome a elaboración dun Plan de Emerxencias Municipal

O grupo municipal socialista no Concello de Ourense levará ao pleno deste venres, 5 de setembro, unha moción na que urxen ao executivo local a elaborar e aprobar un Plan de Emerxencias Municipal (PEMU).
Para a voceira socialista, Natalia González, “trátase dunha ferramenta clave de planificación preventiva, que permite identificar riscos no territorio, analizar recursos dispoñibles (tanto humanos como materiais e técnicos), e establecer protocolos de actuación claros ante emerxencias: evacuacións, confinamentos, activación de centros operativos, coordinación interinstitucional ou aviso á poboación”.
Lembran que a pesar de que a Xunta ofrece unha guía técnica para a elaboración do PEMU, Ourense aínda non dispón dun documento deste tipo en vigor. Unha carncia que, di González, “pon en risco a seguridade da poboación ante incendios, inundacións ou outras emerxencias”.
Os socialistas insisten que son varios os concellos galegos que contan cun PEMU aprobado e en funcionamento o que di, “lles permite mellorar a resposta ante riscos locais e adaptar estratexias de emerxencia ás súas realidades urbanas e rurais”.
Destacan ademais concellos próximos como Barbadás están en pleno proceso de implantación do seu plan, coa constitución dunha xunta de Protección Civil e coa aposta por campañas de formación e simulacros civís.
Por todo elo, o grupo do PSdeG pide que se recollan, coa coordinación con Protección Civil, Policía Local, Bombeiros, e demais departamentos municipais, as necesidades de Ourense neste senso e que o PEMU leve aparellado un orzamento específico que garanta a súa implantación efectiva.
Por outra banda, reclaman tamén que se impulse á creación dunha xunta técnica consultiva, formada polos responsables dos servizos municipais correspondentes, representantes dos grupos municipais, e outros axentes relevantes, coa finalidade de supervisar e impulsar a elaboración, participación cidadá, formación e simulacros.