Os socialistas esixen a Jácome que retire toda simboloxía franquista ainda presente en Ourense

OurenseXa
As e os socialistas celebran que o executivo local pedira orzamento para retirar algunha desta simboloxía presente en Covadonga, logo dun rogo da voceira, Natalia González, no pleno ordinario deste pasado mes de xullo
Concello_Ourense_recurso_2
Concello de Ourense
7 Ago 2024

O grupo municipal socialista no Concello de Ourense celebra que, un ano e medio despois de que se aprobase a súa iniciativa para retirar toda a simboloxía franquista aínda presente na cidade de Ourense, o executivo de Jácome veña de contestar que, “atentendo e en cumprimento da Lei 52/2007, de 26 de decembro”, xa foi “solicitado presuposto para que no barrio de Covadonga, tanto na súa praza como na rúa Minerva” se leve a cabo dita acción.

A resposta do goberno local chega logo de que a voceira do PSdeG, Natalia González, realizase un rogo, durante a sesión plenaria ordinaria deste pasado mes de xullo, facendo alusión a unha moción respaldada pola Corporación, en febreiro de 2023, para eliminar os vestixios franquistas que aínda quedan nas rúas de toda a urbe. Algúns deses vestixios aparecen recollidos no texto aprobado que solicita, ademais, crear un censo municipal de “elementos contrarios á Lei de Memoria Democrática que dea cabida de modo exhaustivo aos mesmos”.

Atendendo a esa iniciativa, a resposta do executivo municipal resulta insuficiente xa que nin sequera se refire a todos os elementos detectados no propio barrio de Covadonga e, ademais, deixa pendente de eliminación moitos outros esparexidos pola cidade. Entre algúns exemplos cítanse: a gran placa da fachada da praza do Polvorín: "Delegación Nacional de Sindicatos/ Grupo Santa Bárbara/ 150 viviendas año 1954" entre xugo e frechas e o emblema do sindicato vertical franquista; placas con similar simboloxía nos barrios de A Cuña e O Couto -rúa Zurbarán-, topónimos de enxalzamento da sublevación golpista ou figuras do franquismo.

Lembran as e os socialistas que, tal e como aparece na moción presentada hai ano e medio, en aplicación da Lei de Memoria Histórica no seu artigo número 15, dedicado a símbolos e monumentos públicos: “as administracións públicas, no exercicio das súas competencias, tomarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura”. Polo que instan ao executivo de Democracia Orensana a axilizar non só as mentadas retiradas do barrio de Covadonga, senón tamén todas as restantes.

Por outra banda, e así as cousas, o grupo municipal socialista solicita que se constitúa e convoque o Consello Municipal de Memoria para abordar e traballar todas as eivas pendentes nesta materia de xeito urxente, sen dilatar máis no tempo o cambio nas rúas de Ourense.

0.16053605079651