Os socialistas esixen á Xunta que dote de asistencia pediátrica ao Centro de Saúde de A Ponte

OurenseXa
As nais e pais denuncian que a espera para que os seus fillos e fillas sexan valorados por un profesional da sanidade pública chega ás dúas semanas a maioría das veces
Centro_de_saude_a_ponte_ourense
Centro de saúde A Ponte, Ourense
26 Mar 2024
A deputada do PSdeG no Parlamento pola provincia de Ourense, Carmen Rodríguez Dacosta, anunciou que o grupo socialista esixirá ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que revirta a situación actual que padecen os nenos e nenas cuxo centro de saúde é o de A Ponte. A espera para ser valorados por un profesional da sanidade pública chega ás dúas semanas a maioría das veces.
Os proxenitores levan varios días recollendo sinaturas no colexio do barrio para reclamar que se incorpore ao cupo do centro de saúde un ou unha pediatra máis para que, tanto as condicións de traballo dos mesmos como o tempo e calidade na atención prestada, mellore considerablemente.
“As nais e pais amósanse preocupados como é lóxico. Se ben no ano 2020 o centro de saúde deste barrio tiña 4 pediatras no servizo, actualmente só dispoñen de 2 pediatras e a situación é precaria”, sinalou a socialista. Esta coxuntura fai que, ademais, a lista de agarda aumente, en ocasións, ata os 15 días para ser atendidos.
A deputada informou de que porán sobre a mesa do Parlamento “unha batería de iniciativas e preguntas” para instar ao goberno autonómico a que solucione a problemática. Todo elo tendo en conta que o barrio de A Ponte é o que máis poboación ten da cidade de Ourense. “Non se pode xogar coa saúde dos nenos e nenas que deben ter unha calidade asistencial adecuada e prometer boas condicións en campaña electoral e despois non cumprir”, destacou a deputada.
0.20288801193237