Os socialistas esixen ao alcalde que elabore un plan para mitigar os efectos das altas temperaturas

OurenseXa
Os socialistas sinalan que as altas temperaturas non só supoñen máis falecementos, senón que as persoas tamén ven agravadas as súas patoloxías por estrés térmico e reclaman que se preste especial atención aos e ás que traballan ao aire libre nas horas centrais do día
Concello_Ourense_recurso_2
Concello de Ourense
19 Maio 2024

Que o cambio climático xa está aquí e que ten consecuencias devastadoras para o medio ambiente e a saúde das persoas é un feito que cada vez constatan máis estudos científicos. E algúns destes últimos informes revelan que España lidera o incremento de mortes por calor: 39,9 máis por cada 100.000 habitantes dende o 2003 ata o 2022. Neste contexto, e ante as xa habituais elevadas temperaturas que a cidade padece cada verán, dende o grupo municipal socialista esixen que o goberno local se poña a traballar urxentemente nun plan para evitar os seus estragos.

“Ourense é a tixola do país e en verán soportamos temperaturas de máis de 40 graos. Cal é o plan do executivo de Jácome para mitigar os efectos da calor?”, cuestiona a edil do PSdeG María Fernández Ojea ante a ausencia de solucións. “Non sabemos tampouco nada das árbores que se ían plantar nin de ningún tipo de medida para poder facer fronte a esta situación”, engade ao respecto.

Malia a que as elevadas temperaturas non son unha excepción na cidade, o certo é que o alcalde non elaborou nin presentou un plan para combatelas nos últimos cinco anos. Mais tampouco se puxeron en marcha ningunha das opcións que dende o PSOE se propuxeron, como que se dea atención específica –por parte de Protección Civil e Servizos Sociais– para aquelas persoas sen teito que viven nas rúas, nos parques ou zonas de afluencia, proporcionando auga, outros refrixerios ou froitas para evitar deshidratacións na poboación de maior e idade.

“A semana pasada o Ministerio de Sanidade publicaba un plan de prevención e sobre os efectos que o calor ten na saúde das persoas, así como un informe sobre o acontecido durante o 2023. Porque cada vez son máis os incidentes que se producen polas elevadas temperaturas entre a cativada e a poboación de maior idade”, sinala a concelleira. Un dos eixos sobre os que pivota dito plan é poñer a disposición daqueles cidadáns e cidadás que o desexen un “Servizo de Subscrición de Temperaturas e Niveis de Risco”, a través do cal poderán recibir un correo electrónico ou SMS coa información diaria sobre as temperaturas e o nivel de risco para a saúde daquelas provincias e zonas que lles sexan de interese. 

Así as cousas, dende o grupo municipal socialista esixen ao goberno local que trace un plan para este verán atendendo ás características etarias dos ourensáns e ourensás e tendo en conta que a calor excesiva non só supón máis falecementos, senón que as persoas tamén ven agravadas as súas patoloxías por estrés térmico. E prestando especial atención aos e ás que traballan ao aire libre nas horas centrais do día.

0.15964698791504