Os socialistas esixen ao Concello de Ourense que tome medidas sobre a situación da vivenda no casco histórico Ourense

Os socialistas do Concello de Ourense alertan dos “alarmantes” datos sobre vivienda en Ourense, onde máis do 60% das vivendas do Casco Histórico están en estado ruinoso e preto do 50% se atopan baleiras. E a situación, denuncian, non só supón un problema de habitabilidade, senón que afecta ao tecido económico e social da cidade. “A falta de poboación residente provoca a desaparición do pequeno comercio, reduce a seguridade nas rúas e converte unha das zonas con máis potencial de Ourense nun espazo degradado”, explica a edil do PSdeG María Fernández.
Nos últimos anos, destacan dende o grupo municipal socialista, moitas cidades galegas puxeron en marcha estratexias de recuperación dos seus Cascos Históricos, combinando políticas de rehabilitación con incentivos fiscais e programas de alugueiro accesible. Mentres tanto, en Ourense, as actuacións foron escasas e descoordinadas. E sinalan que o recente intento de adhesión ao Plan Rexurbe segue pendente e non pode quedar en simples declaracións de intencións. “É necesario que o Concello se involucre activamente na conclusión do proceso de adhesión, garantindo que os fondos dispoñibles se executen de maneira eficiente e que as vivendas rehabilitadas cumpran unha función social e pública”, engade, pola súa banda, a edil Alba Iglesias.
Por este motivo, as e os socialistas presentarán, no vindeiro pleno ordinario de xuño, unha iniciativa para instar ao Concello de Ourense a garantir que a adhesión ao Plan Rexurbe “non quede en mera burocracia e a súa execución sexa inmediata”. E solicitarán a creación dunha comisión municipal de seguimento do propio programa (que inclúa a representantes políticos, técnicos e asociacións veciñais), a publicación periódica dun informe sobre a execución dos fondos destinados á rehabilitación (detallando o número de vivendas rehabilitadas e a súa finalidade posterior) e a priorización da rehabilitación de edificios con maior potencial para alugueiro alcanzable ou primeira vivenda, evitando a especulación inmobiliaria.
Así mesmo, consideran dende o grupo do PSdeG que sería relevante a creación dun censo municipal que fose actualizado anualmente e no que se describa o número e ubicación de vivendas baleiras (inmoble desocupado con carácter permanente por un prazo superior a dous anos, segundo o art. 72.3 da Lei Reguladora das Facendas Locais). “Tamén debería barallarse a elaboración dun censo de inmobles en estado de abandono e a declaración de ‘estado de abandono’ daqueles que se atopan no Casco Histórico aos efectos da aplicación do canon, a rehabilitación e ou a expropiación”, remata Iglesias.