Os socialistas esixen ao Goberno de Jácome que de a coñecer a oferta formativa da Escola Municipal Continua
Dende o grupo municipal socialista critican que a día 3 de outubro nada se saiba dos cursos da Escola Municipal Continua (EMC) para esta nova etapa académica e lamentan que o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, fulminase calquera resquicio do que foi a recoñecida Universidade Popular de Ourense (UPO) que nestas datas xa estaría recibindo ao novo alumnado.
“Xa a anterior convocatoria chegou tarde, mal e arrastro, como é habitual na xestión deste executivo”, explica a edil do PSdeG Cristina Cruz, e recorda que pasou de haber 140 cursos (na última convocatoria da UPO) a arredor de 50 (algúns dos cales remataron por cancelarse). Isto supuxo unha drástica redución de aproximadamente 2/3 en canto á oferta formativa que, entre outras materias, eliminou algúns dos que máis demanda tiñan como eran os de idiomas.
“Esta nova escola, como xa dixemos en reiteradas ocasións, presenta unha formación feble que non responde ás necesidades dos ourensáns e ourensás”, afirma e engade que a innovación que tanto prometía o rexedor con respecto á UPO “non resultou ser máis que un caos e unha oferta irregular e ineficiente” para a cidadanía.
“Seguimos sen resignarnos. Seguimos a loitar para que Ourense teña unha alternativa educativa de calidade”, rematou.