Os socialistas esixen “menos eslóganes e máis política útil” ao partido de Jácome no Parlamento de Galicia

OurenseXa
Critican a abstención de DO ante a proposta socialista para reclamar unha mellor calidade asistencal na provincia e acusan ao partido de Jácome de “deixar pasar a oportunidade de reivindicar os dereitos sanitarios da cidade”
natalia-gonzalez
9 Jul 2025

As e os socialistas do Concello de Ourense critican a atitude do partido de goberno do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, e  lamentan que DO “deixase pasar a oportunidade de reivindicar os dereitos sanitarios da cidade e a provincia no Parlamento de Galicia durante o debate da iniciativa do PSdeG para garantir por lei unha cita no médico de familia nun prazo máximo de 48 horas e blindar a asistencia pública fronte á privada”.

A iniciativa”, explican, “incluía medidas como establecer legalmente un prazo máximo de 48 horas para obter cita en atención primaria, recuperar as xerencias deste servizo eliminadas polo PP en 2012, fixar un número máximo razoable de consultas por profesional para garantir unha atención digna e priorizar e reforzar os centros máis tensionados, así como prohibir o uso de clínicas privadas como alternativa á atención primaria pública”.

E nesta liña, a voceira socialista, Natalia González, lembra que tanto o alcalde como os seus edís levan anos repetindo que Ourense é a gran esquecida pola Xunta e padece unha discriminación constante por parte do executivo galego. “O problema xurde cando se ten a oportunidade de trasladar as problemáticas da veciñanza e non se fai, declinando empregar a súa quenda de intervención o deputado de DO e absténdose na votación da proposta do PSdeG sendo consciente de que o sistema cae a cachos”, incide a tamén secretaria xeral do partido na cidade.

Así as cousas, entenden que o deterioro da sanidade na terceira urbe de Galicia resulta “máis que evidente” e esixen a DO que empregue “menos eslóganes e máis política útil”. “Ter profesionais excelentes e recortar nos recursos ou organizar mal o sistema é un luxo desaproveitado, un servizo colapsado pola falta de planificación e non se comprende que quen se erixe como defensor de Ourense se poña de perfil en cuestións tan relevantes para o día a día das persoas”, remata engadindo que tampouco nas concentracións do CHUO para pedir condicións dignas no hospital Materno Infantil e na atención as nais e ás súas crianzas houbo representación algunha do rexedor e o seu equipo de goberno.

⚙ Configurar cookies
0.16302990913391