Os socialistas esixirán á Xunta que se comprometa a reabrir a unidade multidisciplinar de covid persistente do CHUO

OurenseXa
Consideran fundamental insistir nunha demanda “que facía que a nosa cidade fose referente nacional no eido sanitario”
natalia-gonzalez
26 May 2025

O grupo municipal socialista inistirá, no pleno ordinario do mes de xuño, para que a Xunta de Galicia, a través do SERGAS, garanta o mantemento da Unidade Post-COVID do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), co obxectivo de dar unha atención multidisciplinar e de calidade aos e ás doentes con graves secuelas da COVID-19 e aos de COVID persistente.

Lembra, neste senso, a voceira do PSdeG no Concello, Natalia González Benéitez, que o goberno do PP xa votou en contra desta petición, realizada a través da deputada Carmen Rodríguez Dacosta, pero que consideran fundamental insistir nunha demanda “que facía que a nosa cidade fose referente nacional no eido sanitario”. “En Ourense, dita unidade atendía a aproximadamente 350 persoas da nosa cidade e provincia”, sinala sobre a relevancia do servizo.

"O SERGAS argumenta que estas persoas disporán dunha enfermeira que os atenderá xunto con facultativos especialistas do servizo de enfermidades infecciosas. Consideramos, sen desmerecer en modo algún a estes profesionais, que o número de afectados e afectadas é o suficiente para seren atendidos na unidade existente ata hai dous meses, de xeito multidisciplinar e inmediato”, puntualiza a tamén secretaria xeral do partido na cidade.

Tal e como recolle o texto rexistrado, o servizo multidisciplinar post-COVID de Ourense estaba composto por 3 facultativos de medicina interna, 1 psicólogo, 1 enfermeira e 1 neumólogo, e contaba con terapias de apoio emocional. “Todos estes profesionais manifestaron a súa vontade para garantir a continuidade desta unidade pioneira e incluso poder ampliala con outros e outras profesionais de áreas especializadas de atención sanitaria coma neuroloxía, cardioloxía ou rehabilitación”, advirte ante o desmantelamento da mesma hai dous meses. “A maiores, entenden que as persoas doentes deberían contar cunha derivación prioritaria a outras especialidades do sistema de saúde pública”, remata destacando.

⚙ Configurar cookies
0.16902089118958