Os socialistas instan á Deputación a adoptar medidas para fomentar o deporte

OurenseXa
O grupo provincial solicitará no próximo pleno o compromiso da institución provincial coa construción dun novo pavillón de ximnasia na cidade
grupo-provincial-socialista-ourense
16 Jul 2025

O Grupo Provincial Socialista levará ao próximo pleno da Deputación dúas mocións centradas fundamentalmente no deporte, que destacan como un dos principais motores da provincia. Ambas propostas, que serán debatidas no pleno ordinario do próximo 24 de xullo, buscan mellorar as infraestruturas deportivas e reforzar a protección de menores no ámbito deportivo.

A primeira moción propón a construción dun pavillón multiusos dedicado á ximnasia, ademais de solicitar o recoñecemento oficial de Ourense como capital desta disciplina en Galicia. A segunda iniciativa céntrase en colaborar cos clubs deportivos para aplicar de forma efectiva o protocolo de protección de nenos, nenas e adolescentes fronte á violencia no deporte.

Álvaro Vila, voceiro do Grupo Provincial Socialista, explica que estas propostas reflicten unha visión integral do deporte. “Por unha banda”, sinala, “apostamos por dotar aos nosos deportistas das instalacións necesarias para competir en condicións óptimas, e por outra, priorizamos a seguridade e o respecto cara os máis vulnerables”.

Vila lembrou que Ourense conta cunha longa tradición ximnástica, con deportistas e adestradores recoñecidos a nivel local e nacional. Sen embargo, lamentou que as instalacións especializadas sexan insuficientes e estean obsoletas.

Tamén destacou que hai máis de dez anos se anunciou a construción dun polideportivo na finca Mariñamansa, que aínda non se materializou. “Esta promesa, que alentou as expectativas de toda a comunidade ximnástica, permanece incumprida máis dunha década despois, xerando frustración e evidenciando a necesidade dunha nova aposta para resolver a cuestión”, sinalou o voceiro.

Por iso, a moción solicita que a Deputación lidere a coordinación entre institucións, reserve un orzamento específico e promova un convenio para impulsar este proxecto, ademais de fomentar o recoñecemento oficial de Ourense como capital da ximnasia galega.

Respecto á segunda moción, Vila sinala que, aínda que a aprobación do protocolo de protección a menores foi un avance, a súa aplicación práctica presenta “carencias” e critica a “falta de apoio suficiente” aos clubs por parte da administración autonómica, que se limitou a unha formación breve e materiais en liña. A moción propón que a Deputación inclúa accións específicas na súa Axenda 2030, impulse plans de formación, solicite axudas económicas e estableza mecanismos de seguimento.

⚙ Configurar cookies
0.15892887115479