Os socialistas instan a Jácome a unirse ao resto de municipios contra a suba do canon de Sogama
O pasado mes de agosto o Pleno municipal do Concello de Ourense aprobaba, cos votos a favor de Democracia Ourensana e o Bloque Nacionalista Galego, unha moción que presentaba o grupo socialista para que o executivo de Gonzalo Pérez Jácome esixa, do mesmo xeito que están a facer outros gobernos locais, á Xunta de Galicia que se manteña o canon de Sogama nos 66 euros por tonelada de residuos domésticos xestionada.
“Esta empresa, cun 49% de capital privado, que xestiona o lixo en 295 concellos da nosa Comunidade Autónoma, de modo, ao noso xuízo, arbitrario e unilateral incrementou o canon que os municipios teñen que pagar polos seus servizos ata 108 euros, poñendo como escusa unha lei estatal”, sinala a edil do PSdeG María Fernández. E explica que, en realidade, o que grava este texto legal é a ausencia de reciclaxe e de buscar fórmulas que reduzan a incineración e se enfoquen en modelos máis sostibles como as plantas de proximidade.
Neste senso, tamén se solicitaba no texto aprobado -malia a abstención do PP- reclamar á Xunta de Galicia e a Sogama que se poñan en marcha medidas urxentes de cara a mudar a actual política de xestión de residuos, primando a redución e a reciclaxe fronte á queima e o depósito en vertedoiro, así como ampliar as plantas de biorresiduos existentes coma estaba previsto no Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia 2016-2022.
Por este motivo, as e os socialistas entenden que o aumento que agora se pide que asuman os concellos resulta abusivo “e supón unha quebra para os municipios máis pequenos” e con menos marxe de manobra económico. “No caso de Ourense, xa se están a pagar 2 millóns de euros polo canon a Sogama, ademais de 200.000 euros a Viaqua e 8,4 millóns de euros pola recollida de lixo e limpeza viaria, e este incremento repercutirá, directamente, nos petos dos e das veciñas da nosa cidade”, destaca a tamén secretaria de Función Pública e Xustiza da Comisión Executiva Nacional Galega do partido.
A suba dos cartos a aboar que supón pasar dos 66 euros actuais aos 108 é incrementar o canon nun 64% sen tempo para as administracións locais e nunha empresa pública que depende da Consellería de Medio Ambiente que, segundo as e os socialistas, non mudou cara a un sistema máis eficiente e respectuoso, tal e como solicita a directiva europea do ano 2018 que grava a incineración e o depósito en vertedoiro por ser as formas menos recomendables (e na actualidade as preferentes de Sogama: incineración 60%; vertedoiro 21%).
“Dende o grupo socialista pedímoslle ao alcalde que exprese publicamente o seu rexeitamento a suba deste canon e faga forza co resto dos concellos para opoñerse a un incremento unilateral. O grupo de executivo local, ademais de queixarse e buscar culpables alleos, non fixo, polo de agora, absolutamente nada”, remata contundente a edil.