Os socialistas levarán ao pleno da Deputación unha moción para reclamar medidas urxentes fronte aos incendios

O Grupo Provincial Socialista levará ao pleno da Deputación unha moción en materia de prevención de incendios forestais na que piden o apoio provincial ante o risco de lumes no verán de 2026.
A iniciativa foi presentada este venres pola deputada Eva Pérez Gamote, até hai uns días alcaldesa de Vilardevós, un dos concellos que máis sufriu a vaga do pasado verán. Para Pérez Gamote, a situación de cara este verán segue sendo preocupante, polo que urxe medidas para evitar que se produza unha vaga incendiaria como a do pasado ano, que deixou media provincia practicamente arrasada. “A provincia afrontará o verán nas mesmas condicións estruturais de vulnerabilidade que o ano pasado, e nin a Xunta nin a Deputación adoptaron medidas diferentes ás de exercicios anteriores”, asegura a socialista.
Os socialistas advirten de que os incendios dos últimos días confirman estes pronósticos. O pasado 17 de marzo a provincia rexistrou o primeiro día do ano con ameaza real de incendios forestais. Pola mañá declarouse un lume no Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés que afectou 22,8 hectáreas de monte raso; pola noite, un segundo incendio con dous focos desenvolveuse en Cardoso, no concello de Viana do Bolo.
Ante esta situación, alertan, a temporada de alto risco, que formalmente non comeza até o verán, xera xa alertas nun territorio que aínda non superou o trauma da vaga de agosto de 2025, cando os lumes arrasaron arredor de 138.000 hectáreas do territorio ourensán, concentrando a meirande parte da superficie queimada en Galicia.
A moción chega precisamente despois da última reunión da Mesa Provincial de Incendios que, segundo os socialistas, “seis meses despois, non publicou conclusión ningunha nin se traduciu en medida orzamentaria concreta”. Ante esta situación, esixen que as conclusións sexan publicadas e trasladadas ás administracións competentes nun prazo de trinta días, e que a Deputación adopte con cargo ao orzamento de 2026 as medidas preventivas da súa competencia directa. "Queremos medidas de prevención contundentes e apoio firme por parte da administración a todos os concellos da provincia. Estamos moi preto da chegada do calor e queremos evitar que os nosos pobos volvan sufrir o que pasaron o verán pasado", declara Pérez Gamote.
A moción inclúe tamén a posta en marcha dun programa de asistencia proactiva aos concellos, mobilizando o servizo técnico de medio ambiente da Deputación e cantos outros servizos provinciais sexan necesarios, para apoiar a tramitación dos expedientes de xestión da biomasa no interior dos núcleos de poboación. Neste contexto, explican dende o grupo provincial, moitos municipios rurais carecen de medios e persoal suficientes para identificar as parcelas con maleza abandonada e tramitar os correspondentes expedientes, o que xera unha vulnerabilidade adicional no corazón dos propios asentamentos. A Deputación, din, “ten os recursos técnicos para axudar: o que falta é a vontade política de mobilizalos de xeito sistemático”.
O texto da moción apunta directamente á xestión da Xunta de Galicia, facendo fincapé en que o pasado 9 de setembro de 2025, o propio Alfonso Rueda comprometeu o no Parlamento galego que o Goberno autonómico asumiría directamente a limpeza das franxas secundarias de seguridade nos municipios de menos de 10.000 habitantes —o 82% dos concellos de Galicia—. Porén, denuncian, “seis meses despois ese compromiso continúa sen materializarse”, e advirten de que, ao mesmo tempo, “a Xunta mantén a ameaza de reter até un 30% dos fondos de cooperación local aos concellos que non acrediten o cumprimento das súas propias obrigas de vixilancia”.
Por iso, demandan que a Xunta presente “con carácter inmediato” o proxecto da nova Lei Integral de Incendios Forestais, comprometida desde 2021 e recollida como actuación prioritaria no Plan Forestal de Galicia 2021-2040, aprobado cos votos do propio Partido Popular, e que dea a coñecer o Plan Director da Industria Forestal. “Sen estes instrumentos normativos, a prevención estrutural seguirá sendo, un ano máis, unha declaración de intencións sen tradución real no territorio”, advirte Pérez Gamote, que engade que “os que vivimos no rural sabemos o que supón ver arder o monte e as nosas casas. Non podemos permitir que volva pasar por falta de vontade política”.