Os socialistas levarán ao pleno deste venres a remodelación integral do Parque da Alameda da Ponte

Os socialistas de Ourense levarán este venres ao pleno do Concello de Ourense unha moción para instar ao goberno municipal á redacción e execución dun proxecto de remodelación integral do parque da Alameda do barrio de A Ponte.
Denuncian “estado de abandono” do lugar, inaugurado hai case 57 anos, o 18 de xullo de 1968. O parque nacía do aproveitamento do solar que anteriormente ocupaba a segunda estación ferroviaria do Concello de Canedo e que naquel momento levaba anos sen uso.
Actualmente, denuncian, “o seu estado de abandono resulta evidente a simple vista”, polo que levarán ao pleno unha iniciativa para solicitar a redacción e execución dun proxecto de remodelación integral deste espazo emblemático.
“Estamos ante un refuxio climático de referencia na nosa cidade e por iso o grupo municipal socialista reclamará que, nos próximos orzamentos, se inclúa unha partida para acondicionalo e o seu bo mantemento”, expón a voceira do PSdeG no Concello de Ourense, Natalia González.
“Despois de preto de seis décadas dende a súa inauguración, os xogos infantís atópanse moi deteriorados, a meirande parte das papeleiras están rotas, a proliferación de maleza en certas zonas excede as condicións óptimas de salubridade, a fonte presenta unha imaxe de suciedade e o sen funcionamento e entorno vese cheo de pintadas e descoidado”.
Por iso, din os socialistas, “consideramos que o parque máis histórico e emblemático do barrio de A Ponte, un lugar de encontro interxeracional para pontinos e pontinas e veciñanza de Ourense, merece unha actuación importante que mude a súa faciana por completo, non parches ou apaños que non solucionan absolutamente nada, como foi o realizado pola Xunta de Galicia durante o mandato de Jesús Vázquez”, remata a tamén secretaria xeral do partido na cidade.