Os socialistas levarán este venres ao Pleno da Deputación unha moción para pedir unha estratexia fronte ao gas radon
O Grupo Provincial Socialista levará ao pleno deste venres unha iniciativa para a adopción dunha estratexia “ampla e efectiva” fronte aos riscos asociados ao gas radon en Ourense. “É un problema que por desgraza abunda moito na provincia e sobre o cal, malia algún programa iniciado pola Xunta de Galicia, non hai información nin concienciación, se ben ten consecuencias directas sobre a saúde das persoas, polo cal estimamos que non podemos agardar máis e a corporación provincial debe buscar solucións”, estima o deputado socialista Aurentino Alonso.
Galicia é a rexión do Estado con meirandes concentracións de radon e Ourense a provincia galega cuns índices máis elevados polas súas características xeolóxicas. Segundo Alonso, “os estudos confirman que na nosa provincia a presenza de chans graníticos e a concorrencia dun parque residencial antigo incrementa a concentración do radon no interior de vivendas e baixos”.
Un estudio realizado polo Laboratorio Radon da Universidade de Santiago de Compostela da conta dos niveis de concentración no interior das vivendas de Ourense a partires de medicións en 797 vivendas (2,6 análises por cada 1.000 habitantes), situándose como a provincia mellor caracterizada do Estado neste senso. Un 23% das vivendas ourensás superan os limites establecidos pola directiva europea, afectando a unha de cada catro vivendas.
“Dos 92 concellos que hai na provincia de Ourense máis de 60 presentan elevadas cantidades de gas radon”, subliña o deputado socialista. “A inhalación prolongada do gas radon asociase con problemas de saúde importantes, nomeadamente un risco máis elevado de padecer cancro de pulmón, sendo a segunda causa principal deste andazo despois do tabaco”, explica Alonso. O radon participa do 10 ao 25% dos cancros de pulmón, coma detonante principal entre non fumadores e coma desencadéante entre fumadores e ex-fumadores.
Explican que na provincia, o gas radon representa un problema significativo, especialmente en certas comarcas e municipios. Ourense é a comarca con maior número de medicións (303), seguida de O Carballiño (91). A zona de Allariz-Maceda presenta a maior porcentaxe de vivendas analizadas que superan os límites establecidos (36,8%), seguida das Terras de Trives (35,3%). Pola contra, as comarcas con menor número de vivendas que sobrepasan estes niveis son A Limia (11,1%) e os municipios celanoveses (11,5%). A nivel municipal, a concentración do gas varía considerablemente. Considerando só os municipios con máis de dez medicións, San Cibrao das Viñas e Pereiro de Aguiar destacan por ter case 4 de cada 10 vivendas por riba do límite máximo permitido (300 Bq/m³), mentres que O Barco de Valdeorras sitúase no extremo oposto, con menos dunha vivenda de cada dez superando dito limiar.
Por iso, piden á Deputación que elabore un Plan Provincial Integrado contra o Gas Radon e que, mentres non se adopte devandito plan, reforce o número e a cadencia das medicións, promovendo a súa gratuidades sempre que sexa posible, e colabore cos concellos para paliar o impacto e previr os efectos deste gas.