Os socialistas logran un acordo para a implantación do transporte de viaxeiros na área metropolitana de ourense
O Grupo Provincial Socialista obtivo o compromiso do Pleno da Deputación para adoptar “as medidas oportunas para que se garanta no curto prazo a implantación real e efectiva do transporte de viaxeiros que inclúa a todos os concellos da área metropolitana de Ourense”. A moción socialista recolle a “creación inminente dun comité técnico e político no que se acorde a mellor fórmula de implantación do transporte metropolitano no menor tempo posible”. Esta táboa de traballo estará composta por representantes da Deputación de Ourense, que incluiría a participación dos grupos políticos do mandato actual, da Xunta de Galicia, o Concello de Ourense e cada un dos concellos da área metropolitana da capital provincial.
O voceiro socialista, Álvaro Vila, fixo fincapé na “eiva” que supón a actual situación, da que derivan “limitacións” e “prexuízos” para a comarca de Ourense e os seus habitantes. “A implantación do transporte metropolitano é unha demanda histórica do PSdeG-PSOE que o PP, que representa o principal factor de bloqueo até hoxe, ven de subscribir durante a máis recente campaña das autonómicas, polo cal queremos aproveitar a ocasión para arrincar o compromiso do Pleno para a posta en marcha sen demora do transporte metropolitano”, destacou Vila. Para este, “a determinación exhibida polo PP en campaña é unha moi boa nova sempre que se vexa concretada e non sexa só resultado dunha estratexia electoralista”.
Do proxecto de crear áreas metropolitanas para o transporte na entorna das cidades galegas fálase desde 1995, facéndose realidade paseniñamente na Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, Vigo e Lugo. O bloqueo do transporte urbano metropolitano suscita polémica en Ourense cada certo tempo, pero sen que a situación avance. Segundo Vila, “as áreas metropolitanas de transporte son unha realidade nas principais cidades galegas, quedando relegado Ourense, co agravio comparativo que este feito supón”. Para Vila, “é o momento de impulsar o transporte metropolitano a través da acción coordinada dos grupos da Deputación, Xunta e os concellos” de Ourense, Pereiro de Aguiar, San Cibrao, Barbadás, Amoeiro, Coles, Toén e Punxín, e mesmo A Peroxa, Cenlle, Taboadela, Paderne de Allariz e Vilamarín.
Xestión profesional e transparente de Manzaneda
O Grupo Provincial Socialista tamén acadou un acordo para a constitución dunha mesa de traballo que elabore un plan estratéxico da Estación de Montaña de Manzaneda e que incluirá á Xunta de Galicia, representantes dos partidos con presenza na Deputación es os alcaldes de Manzaneda e A Pobra de Trives. Co voto favorable de todos os grupos agás DO, que se abstivo, aprobouse a Moción socialista para avanzar cara unha xestión profesional da Estación de Montaña de Manzaneda. “Unha xestión acaída coas esixencias dun complexo de tan particulares características e transparente, dotada dos mecanismos para que partidos e cidadanía poidan acceder a documentación e información sobre procedementos que desde hai anos ven reclamando o noso Grupo Provincial”, sinalou Tino Alonso, deputado socialista por Valdeorras.
Para este, “a situación é insostible, xa que, ao longo catálogo de irregularidades que o Grupo Provincial Socialista ven denunciando desde hai anos, temos que engadir a chea de críticas de usuarios da Estación, que chegan a afirmar que as instalacións son máis propias dun país non desenvolvido”. Considerando que “a secuencia de deficiencias derívase dunha serie de decisións erráticas adoptadas na máis absoluta das opacidades”, a Moción socialista que contou co apoio de PP e BNG, tamén prevé a adopción das medidas necesarias para o regreso ao consello de administración de Meisa, a entidade xestora, dos alcaldes da Pobra de Trives e de Manzaneda, garantindo así a representatividade dos territorios nos que se asenta a Estación, “como ocorre no Pirineo Aragonés ou Serra Nevada”.