Os socialistas ourensáns denuncian a privatización das licenzas urbanísticas no Concello

OurenseXa
O Grupo Municipal Socialista advirte de que “axilizar” as licenzas urbanísticas a través das eccom supón unha “privatización” das mesmas e unha “maior inseguridade xurídica para o Concello de Ourense”
María Fernández Ojea, edil do PSdeG no Concello de Ourense
16 Maio 2024

Dende o grupo socialista alertan de que no Concello de Ourense se pretende reducir os procesos para a concesión de licenzas urbanísticas “a costa de privatizar” dito servizo e poñendo en risco a seguridade xurídica, anulando a función da Administración pública a favor de empresas privadas. Se ben é certo que as licenzas non se están a outorgar coa premura desexable, as e os edís do PSdeG discrepan no proceder do executivo local e defenden que a solución radica en “dotar de máis recursos e persoal á Concellería de Urbanismo e actualizar a ordenanza municipal vixente que é do ano 2013”.

“O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicaba onte dúas instrucións da carteira de Urbanismo asinadas polo edil delegado que, ao noso xuízo, non ten competencia para dictalas porque por decreto de Alcaldía do 19 de abril, Gonzalo Pérez Jácome, o rexedor da cidade resérvase esa facultade”, explica a edil do PSdeG María Fernández Ojea, ao que se engade tamén o artigo 124.4.g da Lei de Bases de Réxime Local.

Entrando polo miúdo nas instrucións, pódese observar como, nunha delas, se indica aos e ás técnicas de Urbanismo “como teñen que elaborar os seus informes” e, na outra, se “autoriza ás entidades de certificación que son empresas privadas que presentan e visan polos particulares os proxectos, entendéndose que cumpren coa normativa de aplicación”, relata a socialista sobre o proceder pautado.

Reiterando que, dende o grupo do PSdeG, se amosan conscientes da necesidade de reducir os prazos para a concesión das licenzas, insisten en que facelo a través das Entidades de Certificación de Conformidade Municipal (ECCOM) non é acertado posto que “son maiores os problemas atopados respecto á seguridade xurídica cas solucións que poden aportar”. E lembran que, segundo se deduce da distinta normativa aprobada ao respecto, se trata de empresas privadas que avalan a legalidade técnica, xurídica e urbanística dun proxecto, de maneira que este non ten que ser informado polos técnicos públicos e a Administración local debería de conceder licenza (en base a un informe externo) no prazo dun mes e de xeito case automático.

Así as cousas, por unha banda, pódese afirmar que se privatiza o servizo de licenzas municipais porque “as persoas que poidan pagar unha ECCOM terán vantaxes sobre outras que non poidan facer fronte a ese gasto” e, por outra, somerxe ao Concello de Ourense nunha maior inseguridade xurídica da que xa padece. “Estas entidades son na actualidade obxecto de escrúpulosos análises porque un informe externo, que é o que fan ditas empresas, nunca pode substituír a un informe interno da Administración xa que é esta última a que rematará concedendo a licenza e polo tanto a que será a responsable ante terceiros”, puntualiza Fernández.

“Aínda que os que abogan por esta metodoloxía digan que as empresas están cubertas por un seguro de responsabilidade civil, unha vez que o Concello emite unha licenza o particular podería reclamarlle directamente á Administración local”, resume a edil descartando como adecuadas, dende todas as perspectivas posibles, as instrucións publicadas no BOP.

0.2178270816803