Os socialistas ourensáns denuncian o "deplorable estado" do Centro de Interpretación das Burgas

O grupo municipal socialista esixirá á Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, que interceda ante o estado de abandono no que se atopa o complexo termal das Burgas. “O que debería ser un espazo dinamizador do casco histórico continúa funcionando de forma precaria, tal e como denunciamos hai meses en rolda de prensa, aínda que nalgunhas áreas o grado de deterioro vai incrementándose”, expuxo o edil do PSdeG no Concello de Ourense José Ángel Vázquez Barquero.
Sobre a piscina termal sinalou que, se ben é certo que a obra de rehabilitación foi recepcionada 8 meses atrás pola administración local, actualmente continúa pechada logo de 4 anos sen que nin a cidadanía nin o turismo se poida beneficiar da instalación. “O que todos nos preguntamos é por que despois de levarse a cabo as obras de acondicionamento segue pechada ao público. E todo apunta a que existen unha serie de deficiencias técnicas que teñen que ser solucionadas para que poida estar en perfecto estado de uso e ás que haberá que facer fronte economicamente tamén”, relatou.
Neste senso, denunciou que a piscina romana, un tesouro arqueolóxico da cidade, se atopa con auga en mal estado e estancada, así como con maleza arredor, o que amosa o abandono do goberno municipal ao respecto. “Se un le a lei de patrimonio cultural de Galicia encóntrase con que os propietarios das dotacións arqueolóxicas, neste caso o Concello de Ourense, son os responsables de velar polo mantemento, o coidado e tratar de evitar o deterioro das infraestruturas”, lembrou sobre as eivas detectadas no circuíto térmico que podería non responder ás necesidades da auga mineromedicinal e dos usuarios e usuarias.
Por elo, o socialista afirmou que, nos próximos días, porán en coñecemento da Consellería de Cultura a situación actual “para que tome cartas no asunto” e deixe de mirar cara outro lado ante o desleixo do executivo de Gonzalo Pérez Jácome.