Os socialistas ourensáns ofrecerán actividades culturais abertas á cidadania o que resta de ano
A agrupación municipal socialista do PSdeG-PSOE de Ourense celebrou onte unha asemblea ordinaria na que o secretario de Organización, José Ramón Fernández Morgade, e a secretaria xeral do partido na cidade, Natalia González Benéitez, presentaron o resumo de contas do primeiro semestre deste ano, o informe político e o plan de traballo para os vindeiros meses.
Por unha banda, a tamén portavoz do PSdeG no Concello de Ourense subliñou que o grupo socialista foi o que máis iniciativas defendeu ao longo tanto do primeiro ano de mandato como dende xaneiro. En concreto, destes seis últimos meses destacou as mocións para: a recuperación do parque infantil de tráfico, a elaboración dun regulamento de ceremonias civís, a creación dun plan de investimentos participativos que tivera en conta á oposición e á veciñanza, o recoñecemento de Olga Gallego, mellorar a transparencia e o acceso á información, implementar un plan de saúde mental específico para atender adolescentes, facer os plenos e a atención presencial e virtual accesible ás persoas xordas, manter e mellorar os programas de conciliación, potenciar e revivir o termalismo, manter e ampliar a cobertura do Comedor sobre Rodas, realizar un programa de educación afectivo-sexual para colexios e institutos, realizar as obras precisas no Centro de Información Municipal á Muller (CIMM) e mantelo como sede e fomentar o emprendemento.
Por outra, lembrou os dous plenos extraordinarios, solicitados conxuntamente co Bloque Nacionalista Galego, para poñer sobre a mesa o desmantelamento dos servizos sociais e a errática xestión económica que caracteriza ao executivo de Democracia Orensana baixo a batuta de Jácome.
Así as cousas, a socialista agradeceu a colaboración ao longo destes meses das deputadas no Parlamento e no Congreso –Carmen Rodríguez Dacosta e Marga Martín Rodríguez, respectivamente– ante a súa continua predisposición para abordar e tratar temas que afectan á cidade, xerando unha colaboración interinstitucional fundamental. Tamén sinalou o esforzo realizado polas Xuventudes Socialistas, especialmente durante os dous recentes procesos electorais –autonómico e europeo–.
“Dende a agrupación local actuouse en todo momento coa máxima transparencia e responsabilidade na xestión dos recursos. E isto resulta especialmente importante tendo en conta a estabilidade orzamentaria da que dispomos logo de pasar por sucesivos procesos electorais”, salientou ante os e as asistentes á asamblea.
A sentenza gañada contra o alcalde de Ourense ante o que se amosou como unha vulneración dos dereitos fundamentais e da participación política da portavoz do grupo municipal socialista foi outro dos puntos abordados na reunión. “Considerabamos importante non só facer oposición, senón intentar todo aquelo que estea nas nosas mans para devolver o respecto e a institucionalidade ao salón de plenos da terceira cidade de Galicia. Non podemos consentir que se minta, falte ao respecto e difame”, argumentou sobre o fallo xudicial que lle deu a razón.
Plan de traballo para os vindeiros meses
Finalmente, se prantexaron os proxectos e actividades dos próximos meses para a militancia e cargos do partido. A formación –política, de emprego de redes sociais ou de oratoria– é un dos obxectivos a acadar no que resta de 2024. Así como achegar á agrupación a institucións como o Congreso e o Senado ou aos parlamentos europeo e galego.
A homenaxe a Manuel Suárez (primeiro rexedor socialista fusilado polo bando franquista), a Eduardo Blanco-Amor ou o 128 aniversario da agrupación son algúns dos eventos nos que agora se atopa a lupa. A participación na elaboración do maio deixou un resultado máis que satisfactorio por segundo ano consecutivo e perseguerase extender esa sensación a outras áreas para continuar implicando á militancia, en particular, e á cidadanía, en xeral, remarcou González Benéitez.