Os socialistas ourensáns piden a elaboración dun censo de animais e espazos adecuados para os cans

OurenseXa
As edis do PSdeG de Ourense únense aos reclamos de Apmou para garantir “unha mellor convivencia e o respecto na nosa cidade”
Alba Iglesias, Natalia González e Luz Dacoba
Alba Iglesias, Natalia González e Luz Dacoba
27 Nov 2024

O grupo municipal socialista reclama a creación de espazos adecuados para cans no Concello de Ourense, que supoñan zonas seguras e ben equipadas, con iluminación nocturna, sombra diúrna, puntos de auga e papeleiras. “Non só resultan esenciais para as mascotas, senón tamén para garantir a convivencia e o respecto na nosa cidade”, destacou a edil do PSdeG Alba Iglesias, logo de manter un encontro coa secretaria de Apmou (Asociación Cultural e Deportiva de Propietarios de Mascotas de Ourense), Luz Dacoba.

As socialistas destacaron que realizan dende esta entidade un “traballo admirable” de campañas de sensibilización e actividades de voluntariado que “suple a evidente falta de xestión por parte do actual goberno local encabezado por Gonzalo Pérez Jácome”. Pero advertiron de que este labor altruista non é suficiente sen o respaldo loxístico e económico necesario para expandir o seu impacto.

Tamén sinalaron dende a asociación que non comprenden que a policía local se rixa pola ordenanza de limpeza no canto de atender á lei de benestar animal e isto impida aos e ás axentes actuar ante determinadas situacións para salvagardar os dereitos dos animais. “Apmou xa ofreceu cursos gratuítos para emendar este baleiro, pero urxe que o Concello tome cartas no asunto”, expuxo a edil.

Ademais, as e os socialistas reivindicaron a importancia de que se elabore un censo de animais que permita coñecer a dimensión real das necesidades das mascotas. “Este rexistro é indispensable para deseñar políticas públicas eficaces. É hora de que Ourense dea un paso adiante e se converta nunha cidade que de prioridade o benestar animal e a convivencia responsable”, afirman.

“Así as cousas, serían precisas campañas de identificación, vacinación e esterilización como medidas preventivas non só para mellorar a saúde animal, senón para contribuír a reducir o abandono e os problemas asociados á sobrepoboación”, subliñou Iglesias esixindo tamén que se apoie dende a Administración local o programa que Apmou ten de fomento de adopción de cans de idade avanzada ofrecéndolles unha segunda oportunidade.

E recolleron a proposta da entidade sobre a posibilidade de modificar o regulamento do fogar do transeúnte para que os e as usuarias do albergue municipal poidan entrar acompañados das súas mascotas, coa habilitación de gaiolas específicas que garantan a seguridade e comodidade dos animais.

“Non podemos máis que reiterar e agradecer o noso compromiso con Apmou e con todas as asociacións que traballan incesantemente para cubrir as carencias que o Concello non sabe ou non quere abordar”, rematou contundente a edil do PSdeG.

Por outra banda, neste mesmo eido de políticas para o benestar animal, o grupo socialista solicitou, na última Xunta de Área relativa á materia, coñecer os cambios e melloras do novo convenio a asinar coa protectora local (Progape). A única resposta polo momento por parte do executivo municipal foi que aínda “se están a ultimar o detalles” do mesmo.

0.17014908790588