O PSdeG de Ourense pide que non se suba o canon que os concellos pagan a Sogama pola recollida do lixo

OurenseXa
“A suba ten que ver coa obsoleta xestión que Sogama fai dos residuos, non tendo mudado o modo en que trata os refugallos desde 2010, malia as advertencias”, afirma a deputada socialista Elvira Lama
pazo-provincial-deputacion-de-ourense-recurso
Pazo Provincial da Deputación de Ourense
23 Xul 2024

O Grupo Provincial do PSdeG-PSOE presenta unha iniciativa na Deputación de Ourense para evitar a suba do canon que pagan os concellos adscritos á Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), ao tempo que esixe a adopción de medidas concretas para avanzar cara novas fórmulas de xestión de residuos máis respectuosas coa nosa entorna. “Esiximos que a Deputación inste á Xunta de Galicia o mantemento do canon actual que pagan os concellos, que é de 66 euros por tonelada de residuos domésticos xestionada, amais de salvagardar a bonificación do 15%, resultando un canon bonificado de 56,10 euros por cada tonelada de residuos domésticos xestionada”, explica a deputada socialista Elvira Lama.

O consello de administración de Sogama aprobou o pasado 25 de xuño unha “actualización do canón” que factura a 295 concellos galegos pola xestión do seu lixo, pasando a cobrar 66,01 euros por tonelada recollida e anunciando unha suba até os 78 euros por tonelada para o vindeiro exercicio 2025. A Consellería de Medio Ambiente imputa o incremento a “sobrecustos derivados de impostos estatais”, cando o certo é que a planta de Sogama en Cerceda afronta millonarios sobrecustos por mor de privilexiar a incineración (60%) e depósito en vertedoiro (21%), que son as fórmulas menos sustentábeis medioambientalmente, asumindo deste xeito a totalidade das cargas impositivas que, en último termo, derivan dunha directiva europea.

“A suba ten que ver nomeadamente coa obsoleta xestión que Sogama fai dos residuos, non tendo mudado un ápice o modo en que trata os refugallos desde 2010, malia as continuadas advertencias”, afirma Lama. A Xunta e Sogama non estarían a respectar as recomendacións europeas no referente á xestión de residuos, o cal redunda nun incremento no pagamento de taxas. “Requirimos que a Deputación de Ourense interpele con urxencia ao goberno autonómico porque, amais de incumprir cos obxectivos de redución e reciclaxe establecidos, prexudica directamente aos concellos ourensáns ao aumentar os custos que teñen que asumir pola recollida de lixo, co dano que implica para as súas xa de por si malparadas finanzas”.

0.16784405708313