Os socialistas ourensáns presentan un plan de axudas para loitar contra a despoboación
O Grupo Provincial Socialista insta á Deputación de Ourense á posta en marcha dun plan propio de axudas destinadas a concellos de menos de 20.000 habitantes para a rehabilitación de vivendas para o seu ulterior aluguer ou uso social. “Esta achega servirá de complemento aos diferentes plans estatais e autonómicos en liza, que tan só cobren unha parte do orzamento das obras para a adecuación de inmobles, non pudendo moitos dos nosos concellos afrontar as rehabilitacións ao non poder asumir o resto dos custos”, explica o voceiro socialista Álvaro Vila. Os socialistas cuantifican o plan en 1.820.000 euros, a recoller no orzamento para o ano 2025, dos cales correspondería unha axuda anual de 20.000 euros para cada un dos 91 concellos da provincia. Segundo Vila, “se logramos que se aprobe a nosa moción, cada ano teríamos 91 novas vivendas dispoñibles na provincia para aluguer e uso social”.
“Xerar vivenda de aluguer en medio rural ten amosado ser un mecanismo efectivo para fixar poboación e que reabran outros servizos nestas entornas”, afirmou o deputado socialista durante a presentación da iniciativa diante dunha casa recentemente rehabilitada e dispoñible para aluguer social no concello de Taboadela, onde Vila é alcalde. Para este, “a fin última destas axudas é fomentar a implantación de xente no territorio a través da posta en valor e rehabilitación do parque de edificios e vivendas nas zonas rurais, que son as máis afectadas polo andazo do despoboamento”. Datos do INE revelan que arredor do 90% dos concellos ourensáns teñen actualmente menos habitantes que no 1900, encabezando o retroceso demográfico as zonas montañosas A provincia achegábase ao medio millón de ourensáns en 1960, superando actualmente apenas os 300.000 habitantes.
Rehabilitación contra o despoboamento
“O despoboamento é xa un mal endémico na nosa provincia, erixíndose nunha das principais ameazas de cara ao futuro, polo que é urxente adoptar medidas para poñerlle freo”, estima Vila. Neste senso, o parque de vivendas da provincia de Ourense é un dos máis envellecidos de Galicia, cunha media de 45 anos de antigüidade dos inmobles, segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE). Segundo esta fonte, un total de 34.603 vivendas están baleiras, correspondéndose a meirande parte destas a construcións de máis de 50 anos de antigüidade. Desde o Colexio de Arquitectos de Ourense consideran que a nosa provincia é unha das que ten un maior número de vivendas baleiras en toda España, representando arredor dun 22% do total do parque inmobiliario. Mentres, estimacións da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein) sitúan a porcentaxe de vivendas en mal estado na provincia por riba do 26%.
Os profesionais da arquitectura consideran que o nivel de envellecemento dunha vivenda non debe ser preocupante, sendo a vida media dun inmoble dun século, se ben é preciso desenvolver tarefas de mantemento para evitar o deterioro e garantir a seguridade. Expertos estiman que a estratexia de futuro para a sustentabilidade non pasa pola mera construción de novos inmobles, senón que tamén pasa por rehabilitar vivendas. O voceiro do grupo provincial socialista sostén que “nas zonas rurais a carencia de vivendas cunhas mínimas condicións de habitabilidade é un factor que acentúa as dinámicas de despoboamento”. “A rehabilitación entóxase unha valiosa ferramenta para aumentar a oferta de vivenda e atraer novos veciños, sendo a obriga da política, e neste caso da Deputación de Ourense, o exercicio responsable dun rol facilitador e dinamizador a través dos nosos concellos”, sentenza Vila.