O Grupo Provincial Socialista reclama un plan de axudas directo aos profesionais agrogandeiros

OurenseXa
O Grupo Provincial Socialista presenta unha Moción no vindeiro Pleno para que a Deputación de Ourense abra unha liña específica de axudas directas para que empresas, cooperativas e autónomos agrogandeiros para ver de paliar os problemas que atravesa o sector.
grupo-provincial-socialista
Grupo Provincial PSOE Deputación de Ourense
21 Feb 2024
O Grupo Provincial Socialista presenta unha Moción no vindeiro Pleno para que a Deputación de Ourense abra unha liña específica de axudas directas para que empresas, cooperativas e autónomos agrogandeiros para ver de paliar os problemas que atravesa o sector. “Reclamamos da Deputación de Ourense que estea a carón dos profesionais do sector neste delicado momento, transcendendo a mera retórica e pasando a acción a través da posta en marcha dun plan de subvencións específico para distender a situación que encara o agropecuario, atendendo a toda a pléiade de aspectos que implica o contexto actual”, sinala o voceiro socialista, Álvaro Vila.
A proposta do PSdeG-PSOE aspira a que a Deputación de Ourense contribúa “de forma decidida” cos agricultores en cuestións como emprendemento e dixitalización das explotacións, cultivos e técnicas de produción, regadíos, maquinaria agrícola e gandeira, laboratorio e análise do chan e dos animais, agricultura ecolóxica, sanidade vexetal e animal, identificación e rexistro de cultivos e animais, produción agrícola e gandeira, seguridade alimentaria, e mesmo xestión de subprodutos non dedicados a consumo humano. Estima Vila que “trátase dun problema complexo, que non se pode simplificar e non é limitábel a uns poucos actores e aspectos, e de aí a necesaria amplitude das axudas para o sector”.
Hai quen arremete contra a Política Agraria Común (PAC), a súas cargas burocráticas e o cumprimento de certas directrices. Outros inciden na necesidade de prezos xustos ou a reforma dos seguros agrarios. E mesmo hai quen abunda na urxencia de atallar as consecuencias dunha xeopolítica mundial axitada ou apelan a limitar os acordos chamados a incrementar o comercio. “Cada chanzo da cadea, xa sexan produtores, industriais, distribuidores ou transportistas, defende o seu particular rol e outorga prioridade a uns factores sobre outros, do que se deriva o complicado na diagnose e solucións, polo cal o obxecto das axudas deben ser o máis vasto posible”, sentenza o voceiro socialista.

Liña de axuda específica ás cooperativas 

A Moción socialista contempla nomeadamente a apertura dunha liña de subvencións dirixidas a cooperativas agrogandeiras “dada a súa importancia no desenvolvemento do sector agropecuario provincial”. Estas axudas van dirixidas á comercialización, transformación e valorización das producións, a formación técnica e asesoramento para investigación e innovación tecnolóxica, o uso de novas tecnoloxías, enerxías renovables e o fomento do aforro enerxético, así como para a adquisición de terreos e investimentos en maquinaria agrícola, equipamentos ou construcións, entre outros. “A sustentabilidade das explotacións agrícolas e gandeiras pasa por alcanzar un grao de rendibilidade suficiente que, a miúdo, require do empurre dos poderes públicos”, sinala Vila.
Desde o Grupo Provincial Socialista destácase que “é habitual que outras deputacións do Estado dispoñan de subvencións consecuentes para axudar aos seus respectivos sectores primarios”. É o caso en Alaba ou Biscaia, ou en Málaga, por citar dous exemplos, pero tamén en Pontevedra, unha provincia galega gobernada polo PP, onde o peso e impacto do agrogandeiro é moi inferior ao de Ourense. Para o voceiro do PSdeG-PSOE, “non é sen tempo que a Deputación de Ourense se erixa en parte da solución da crise actual, dea un paso adiante e cristalice o seu compromiso coa sustentabilidade e modernización do sector primario para mellorar a viabilidade das explotacións, propiciando a mellora na calidade de vida de profesionais e traballadores”.
0.19366693496704