Os socialistas pedirán á Xunta que interceda ante o “abandono” da piscina das Burgas
Os socialistas ourensáns denuncian unha vez máis o abandono en canto a política turística e termal do goberno de Gonzalo Pérez Jácome. E ao feito de que a piscina das Burgas leve 4 anos pechada agora se engade o desleixo que padece o Centro de Interpretación, declarado como Ben de Interese cultural (BIC).
O que debería ser un espazo de divulgación do patrimonio arqueolóxico-termal da cidade de Ourense, e achegar aos visitantes á historia do termalismo e o pasado romano da urbe, atópase descoidado, con lodo e silveiras que amosan a ausencia total de mantemento e acondicionamento. “A Xunta de Galicia ten as competencias sobre o patrimonio cultural da nosa Comunidade Autónoma. E o Concello, como propietario deste espazo, ten a obriga de conservalo e velar por que non se estrague”, expón o edil do PSdeG José Ángel Vázquez Barquero.
“Despois de múltiples iniciativas presentadas polos e polas socialistas no Parlamento sobre a situación de abandono do termalismo, que debería ser un foco dinamizador para Ourense económico e social, volvemos a presentar unha batería de iniciativas polo estado de abandono no que se atopa o Centro de Interpretación das Burgas. Concretamente, a piscina romana que está nun estado deplorable”, engade a deputada Carmen Rodríguez Dacosta.
Así as cousas, preguntará ao goberno autonómico se coñece o estado de abandono do BIC e que actuacións vai a levar a cabo para conservar a piscina e a súa contorna. “Instamos á Xunta de Galicia a que tome as medidas oportunas, de xeito inmediato, para arranxar a situación do termalismo en Ourense”, remata contundente.
Tamén presentaron as e os socialistas un escrito ante a Consellería de Cultura para que o executivo galego tramite o correspondente expediente administrativo de natureza informativa, así como, de corresponder, en base ó artigo 2 da Lei 5/2016, de 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia que se apliquen as sancións establecidas no seu artigo 133 de ser preciso.