Os socialistas piden a Jácome que poña en marcha unha estratexia contra a pobreza enerxética e o senfogarismo

OurenseXa
Tamén esixirán que se doten de asignación económica os programas e servizos de prevención de ludopatías e consumo de drogas
psoe-reunion-veciños-o-couto
29 Apr 2025

Durante un encontro que tivo lugar este luns entre representantes das asociacións veciñais dos barrios de A Ponte e O Vinteún, a portavoz do grupo municipal socialista no Concello de Ourense, Natalia González Benéitez; a concelleira Alba Iglesias, e a deputada no Parlamento Carmen Rodríguez Dacosta abordouse a inquedanza do evidente incremento do número de persoas sen teito nas rúas, pedindo esmola, durmindo á intemperie en parques ou zonas públicas, e incluso en garaxes, caixeiros, portais ou galerías comerciais.
“A preocupación e incomodidade da veciñanza é normal e xustificada en moitas zonas e barrios da nosa cidade. Esta problemática vai máis aló dunha cuestión de control, vixianza e seguridade por parte das administracións e require dunha intervención social colectiva, na que o Concello de Ourense debe e ten que xogar un papel fundamental”, expresou a voceira no transcurso da reunión.

Neste senso, tanto as organizacións veciñais como as socialistas coincidiron en que a maioría dos e das sen teito, que hoxe se contan por deceas na urbe, se corresponde cun perfil de persoa toxicómana, sen ningún tipo de soporte familiar e cuxa adicción non é recente senón que vén de lonxe. “A Administración local debería implicarse para paliar a situación en lugar de deixar que todo o labor neste eido recaia sobre as entidades sociais”, afirmou a voceira.

No texto rexistrado, para o que agardan obter o apoio do resto dos grupos da oposición, sinálase que “dende a empatía e a humanidade”, e dende o punto de vista obxectivo de poder acadar unha posible e efectiva reinserción social “porque no mundo no que vivimos ninguén está libre de chegar a unha situación deste tipo e as circunstancias poden cambiar para calquera de nós nun intre”. E inciden en que se debe actuar sobre “o foco do problema como Administración máis próxima á cidadanía”, sen ter que deixar recaer toda esta acción única e exclusivamente nas entidades do terceiro sector que “dende logo fan un traballo imprescindible pero que necesitan máis recursos”.

Así as cousas, o grupo municipal socialista exhortará ao goberno de Gonzalo Pérez Jácome a elaborar e poñer en marcha unha estratexia para abordar a problemática do senfogarismo, a pobreza enerxética e a carencia alimentaria en Ourense. E instarano a recuperar e dotar de asignación económica os programas e servizos de promoción de saúde do Concello de Ourense, con especial atención aos de prevención de ludopatías e consumo de drogas.

Por último, consideran imprescindible que se modifique e mellore o regulamento de funcionamento do Fogar do Transeúnte do Concello de Ourense adaptándoo ás novas necesidades existentes na cidade en canto á problemática do senfogarismo. “Na actualidade, esta instalación resulta totalmente insuficiente por desgraza, ademais de contar cun regulamento pendente de actualización para esta nova realidade; e entendemos que convén reformular os criterios de acceso e días de estancia mínima no albergue, habilitar o acceso ao mesmo na compaña de animais, a mellora e reforzo da atención interdisciplinar ás persoas usuarias e a supervisión antes, durante e despois do seu paso polas instalacións”, rematou a tamén secretaria xeral do PSdeG na cidade.

0.17356109619141