O PSOE pide ao Concello de Ourense que elabore un plan de mobilidade especial para eventos e critica o programa das festas

As e os socialistas do Concello lamentan o caos organizativo que padeceu a veciñanza respecto as festas de Ourense e a ausencia de información sobre os cortes que cada actividade ocasionou. “O arranque das festas volveu a quedar condicionado pola desorde. A falta de previsión nos accesos, a ausencia dunha xestión eficiente dos fluxos peatonais e a nula coordinación do tráfico xeraron situacións de colapso que se poderían evitar con planificación técnica e anticipación”, afirma a edil do PSdeG Alba Iglesias. O propio domingo, por poñer un exemplo, a procesión do Corpus, a carreira solidaria da policía e os curtes que xa existían no Pavillón dos Remedios contribuíron a xerar problemas de conxestión nalgúns puntos quentes.
Neste senso, a voceira dos e das socialistas na Administración local, Natalia González, recorda que xa en anteriores ocasións, e logo do caos xerado durante a celebración doutros eventos con gran afluencia de persoas, pediron ao goberno municipal a elaboración e aprobación dun plan específico de mobilidade para eventos multitudinarios que combine os factores da seguridade, axilidade, accesibilidade e comunicación para a cidadanía. “O núcleo do programa concentrouse case exclusivamente na zona da Ponte Romana e a súa contorna, provocando unha desconexión co resto da cidade. O Casco Histórico, a Praza Maior e os demais barrios case non contaron con actividades festivas”, incide explicando que é preciso descentralizar a programación.
Ademais, critican que a situación na que se situou o mercado medieval deixou á intemperie das temperaturas extremas, nunha zona sen sombra suficiente, tanto aos e ás comerciantes como ás persoas que se achegaron ata os postos. Isto provocou que nas horas centrais do día a afluencia resultase escasa.
A programación cultural, dende o punto de vista das e dos socialistas, evidenciou ausencia de variedade. “Os concertos programados estaban enfocados a un público de masas e nunha mesma liña, deixando sen actuacións musicais a outras opcións máis minoritarias. Pero si queremos recoñecer as actividades de conciliación que tiveron lugar na beira do Miño e as da feira do libro no Parque San Lázaro”, expón a edil María Fernández engadindo que non deberían ter reducido o número de días a 5 por tratarse das festas patronais de Ourense.
Isto non é un problema puntual destas festas, insisten as e os edís do PSdeG, senón un reflexo dunha forma de gobernar que non atende a diferentes sensibilidades e necesidades e que actúa a base de improvisación sen escoitar á veciñanza.