Os socialistas piden dotar de programación e actividades ao Espazo Xove de Ourense
Que a mocidade volva a ter un lugar de referencia para desenvolver as súas inquedanzas e intercambiar coñecementos é o obxectivo das iniciativas que as e os socialistas presentarán no Parlamento de Galicia. “Fai anos, a Casa da Xuventude ofrecía, nos seus cinco andares, amplos espazos con salas de exposicións, salas polivalentes, polideportivo, salas de proxeccións, salas de informática, cafetería, biblioteca ou laboratorio fotográfico para a realización de actividades propostas polos propios usuarios e usuarias ou por colectivos e entidades”, lembra a portavoz do PSdeG no Concello de Ourense, Natalia González.
“A cidadanía non esquece que o que agora se denomina Epazo Xove foi un motor da cultura durante máis de 30 anos. Nunca ningunha institución chegou a esa capacidade ou a ese prestixio social sendo o epicentro de importantes eventos”, engade a tamén secretaria xeral do partido en Ourense.
Pola súa banda, a deputada no Parlamento Carmen Rodríguez sinala que a Xunta de Galicia amosa “un desleixo total” respecto ao potencial das instalacións e á capacidade de ofrecer alternativas á xuventude. “Todas lembramos, por exemplo, o Outono Fotográfico e a relevancia e renome que acadou, estando este evento presente todos os meses de novembro en Ourense e ampliando a súa presenza ata chegar a toda a Comunidade Autónoma”, exemplifica sobre unha das iniciativas nadas na antiga Casa da Xuventude. “Agora hai cinco andares nos que case non se ofertan actividades”, contrapón.
O secretario xeral de Xuventudes Socialistas, Xurxo Doval, recordou que o lugar foi “a manifestación da vida da xente nova” e onde se ía a participar en “todo tipo de actividades”. Algo que mudou coas políticas do PP dende que Alberto Núñez Feijóo chegou á presidencia do executivo galego. “Reclamamos que a Xunta comece a traballar e comece a cumprir
Así as cousas, as e os socialistas levarán ao Parlamento unha batería de iniciativas para que o goberno autonómico dote de programación e actividades en diversos eidos (sociais, culturais ou deportivos) ás instalacións situadas na rúa Celso Emilio Ferreiro. Porque o funcionamento do Espazo Xove o convertía nun lugar que acollía unha chea de actividades para a xente nova, que estimulou numerosas vocacións e afeccións –dende a banda deseñada á fotografía, pasando polo cine, a lectura ou o xadrez– e, sobre todo, que era un lugar aberto, democrático, no que a mocidade podía auto organizarse e tomar decisións sobre o seu tempo de ocio.