Os socialistas piden un compromiso real coa construción dun novo pavillón de ximnasia en Ourense

OurenseXa
Critican a falta de avances no último ano e instan á Xunta, á Deputación e ao Concello a tomar medidas
natalia-gonzalez
1 Jul 2025

O grupo municipal socialista no Concello de Ourense levará ao próximo pleno de xullo unha moción na que insta á Xunta de Galicia, á Deputación Provincial e ao propio Concello a comprometerse conxuntamente coa construción dun novo pavillón multiusos para a práctica da ximnasia na cidade.

“Ourense é terra de ximnasia e de grandísimos e grandísimas ximnastas, adestradores e adestradoras e clubs, que dende hai case medio século escribiron a súa historia a nivel provincial, autonómico, nacional e internacional dende a cidade de As Burgas”, defende a voceira provincia, Natalia González.

A moción recolle os antecedentes e as promesas incumpridas por parte das distintas administracións nos últimos anos. González lembra que “en febreiro de 2014, hai 11 anos, o entón delegado territorial do executivo galego en Ourense anunciaba que a finca Mariñamansa contaría cun polideportivo que se convertiría en referente para a ximnasia en toda Galicia”, cun orzamento estimado de tres millóns de euros que nunca se chegou a executar.

A socialista tamén critica a falta de avances no último ano. Neste senso, explican que “o pasado ano 2024, no mes de xuño, o actual alcalde e o edil de Deportes anunciaban públicamente que o Concello de Ourense tiña previsto a construción do novo pavillón deportivo para a práctica da ximnasia na cidade, anuncio sen concreción algunha e sen demandar ata aquela data ningún tipo de colaboración por parte doutras administracións”.

Desde o PSdeG denuncian a situación de bloqueo do proxecto e a carencia de instalacións adecuadas para os clubs e deportistas de ximnasia. Por iso, solicitan que a Xunta inclúa unha partida específica nos Orzamentos de 2025 para impulsar a construción do novo pavillón, unha proposta que, segundo sinalan, foi rexeitada polo Partido Popular. “Volvemos a insistir para que as tres administracións se poñan de acordo e acaden un compromiso institucional para impulsar, conxuntamente, a construción definitiva dun novo pavillón multiusos”, conclúe González.

⚙ Configurar cookies
0.16377687454224